17 abr 2012

Abraham Carreiro visitou o noso centro




Despois da lectura de Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata, os alumnos e alumnas de 1.º da ESO mantivemos un encontro co seu ilustrador, Abraham Carreiro. Abraham contounos algúns dos seus segredos para a creación dos personaxes e debuxounos os protagonistas da historia. O encontro sóubonos a pouco e por iso lle fixemos unha entrevista que vos deixamos a seguir.

ENTREVISTA A ABRAHAM CARREIRO

Debuxas sobre papel ou sobre soporte dixital?
As dúas cousas. Non son incompatibles. Depende do resultado final que queira.
Cal é a túa técnica preferida?
Cando vou de viaxe gústame moito debuxar cun rotulador e acuarelas nun caderno. Tamén me gusta moito a tinta chinesa con pincel e plumilla.
As novas tecnoloxías modificaron moito a ilustración tradicional?
Reduciron os tempos de traballo, mais a nivel técnico (cores, trazos etc...) tes que aplicar os coñecementos tradicionais. Non cambia debuxar nun papel ou no ordenador.
Podes explicarnos que é o estilo manga? Cres que nos teus deseños hai influencias deste estilo?
Pois é como lle chaman os xaponeses ao cómic. Dentro do manga hai moitos estilos e temáticas aínda que comparten certas cousas como as liñas, ollos tirando a grandes etc... Dende o manga máis comercial como Naruto ata outros estilos como o de Yoshihiro Tatsumi ou Pesadillas de Otomo.
Sí penso que teño influencias, sobre todo na forma de usaren as liñas cinéticas.
Para facer unha escena precisas vela ou só a imaxinas?
Que proceso posterior segues para realizar os teus debuxos? Primeiro imaxínoa e logo se é preciso, busco fotos ou baixo á rúa cun lapis a coller apuntamentos do que quero debuxar.
Tes que pensar moito e facer moitos bosquexos antes de chegar á versión definitiva?
Normalmente si, a non ser que sexa un personaxe que xa coñezo moito e xa me sae cos ollos pechados.
Con cal dos teus personaxes te sentes máis identificado? Por que?
É dificil, mais quizais con Centulo porque lle teño un aprecio especial. A súa forma de ser, medio pirado, entusiasmado co seu traballo, unha persoa que lle quita ferro ás cousas, que aínda se divirte xogando a pesar de ser maior...e porque fala con seseo e gheada.
Por que elixiches cores tan escuras para a ilustración de Xoeliki?
Pola temática da historia: ten algo de suspense e é un pouco escura. E o de que leve unha cor soa é para abaratar o prezo do libro. Se levara todas as cores, o libro custaría 15 euros e non 10. E estamos en tempos de crise.
Dedícaste só á ilustración de libros ou tes probado noutros campos?
Non, gústame moito o deseño gráfico, logotipos, carteis, deseños de camisetas etc...Tamén fago debuxos animados, cómic...
Cres que nun libro pode chegar a ter tanta importancia a ilustración coma o texto? 
Si. Pode contar ou transmitir cousas que o texto non di. No mundo infantil mesmo penso que ten máis importancia que o texto. Logo hai cómics espectaculares que non teñen texto e contan historias que te deixan marcado. Igual que un cadro ou o cine mudo ou a mímica. O importante é que haxa un bo guión debaixo.
Estás satisfeito coa túa traxectoria profesional?
De que traballo te sentes máis satisfeito?Moito. Teño varios traballos que me gustan máis que outros: Yuppie que guay, Xoeliki, Kilombo, Latcho Drom.
De non ser ilustrador a que outra cousa che gustaría terte dedicado?
O mundo mariño, gústame moito. Seguramente mergullador nun barco oceanográfico. Ou mago, tamén me gustaba moito.
Que opinas do éxito de Enrugas? Cres que os recoñecementos recibidos por esta película son un feito illado ou que a animación galega se encontra a un bo nivel se a comparamos coa doutras Comunidades?
Non vin a película, mais o cómic está moi ben. Penso que a animación está nun bo momento en xeral, non só aquí en Galicia. Recoméndovos unha: Les Triplettes de Belleville.
É moi crítico teu pai coa túa obra? Quen aprende máis, Pepe Carreiro de Abraham Carreiro ou Abraham de Pepe?
Os dous aprendemos o un do outro e tamén nos facemos críticas. Nunca se meteu moito no que fago.
A que cres que se debe o éxito dos Bolechas?
A que nos podemos sentir perfectamente identificados con eles xa que son unha familia normal, que vive aventuras normais que nos poderían pasar a todos.
A banda deseñada en Galicia segue a ser unha profesión masculina? E a ilustración?
Non, cada vez hai máis mulleres. Sobre todo na ilustración. Penso que está máis igualado ca noutros traballos.
A crise afecta tamén ao mundo da ilustración?
Si, penso que non se libra ninguén, excepto os ricos e poderosos. É unha roda. A xente ten menos diñeiro, compramos menos libros e polo tanto as editoriais gañan menos, non producen tanto e precisan de menos ilustradores...
E xa para rematar, que lle aconsellarías a un rapaz ou unha rapaza da nosa idade ao que lle guste moito debuxar?
Pois que siga a debuxar moito, que aprenda doutros debuxantes consagrados e se lle segue a gustar cando sexa maior que se anime e intente traballar diso. Traballo hai.


Moitas grazas, Abraham.


Eis o tráiler de Xoeliki:



No hay comentarios:

Publicar un comentario