Hai uns días os alumnos e alumnas de 1.º e 2.º ESO visitamos o Salón do Libro de Pontevedra, que homenaxeaba este ano ao escritor Paco Martín. O tema central do Salón na 12+1 edición eran as supersticións: a boa e mala sorte e o traslado á literatura das historias dos nosos maiores. Os monitores foron explicándonos as supersticións que se recollían en cada unha das salas, vimos os traballos realizados por distintos centros de Galicia e unha exposición de ilustradores galegos. Asistimos tamén á representación teatral da comedia Pelos na lingua, que arrincou unhas boas risas, e completamos a mañá cun percorrido guiado pola cidade de Teucro no que o monitor nos explicou as orixes da vila. Da súa importancia na época medieval dá boa conta o nome das rúas do casco histórico, no que aínda se adiviña o pasado gremial.
Despois de xantar, achegámonos ao miradoiro do monte Lobeira dende o que puidemos albiscar unha espectacular panorámica da ría de Arousa. Pepa axudounos a localizar a illa de Ons, O Grove, A Toxa, a serra do Barbanza e o val do Salnés. Realmente foi unha xornada completa!
No hay comentarios:
Publicar un comentario