6 ago 2017

Manuel Seoane representa a Galicia no festival de Lorient


Parabéns ao noso ex alumno Manuel Seoane que estes días toca ante máis de 700.000 persoas no festival de música celta de Lorient representando a Galicia. Agardamos que volva co trofeo MacCrimmon, que acredita ao seu gañador como mellor gaiteiro do mundo. Estamos contigo!

Manuel Seoane
Manuel Seoane toma o seu primeiro contacto coa música tradicional aos catro anos cando comeza a ir a clases de gaita con Suso Ascariz na Maristela, unha asociación cultural de Sobrado dos Monxes. Tras botar dez anos formándose con Suso Ascariz, comeza a dar clase con varios profesores, coma Pedro Lamas, para recibir clases posteriormente por parte de Daniel Bellón, o gaiteiro máis galardoado da historia de Galicia. Paralelamente á súa formación na gaita e na música tradicional, en 2014 ingresa no Conservatorio Profesional de Música de Melide para comezar os seus estudos de música clásica e cursar a especialidade de Saxofón. Actualmente, desenvolve os seus estudos musicais no CMUS Xoán Montes de Lugo con Marcos Mariño, onde segue estudando actualmente.
O pasado 23 de abril participou no Concurso-Selección para o Trofeo MacCrimmon, no que os catro seleccionados terían o privilexio de representar a Galicia no concurso e no Festival Intercéltico de Lorient .Nel recibiu o segundo premio, sendo o gaiteiro máis novo en facelo e sendo o único menor de idade (17 anos) dos catro premiados, tendo os outros unha media de 30 anos de idade.
O Trofeo MacCrimmon está considerado o premio máis alto ao que un gaiteiro pode aspirar, nomeando ao seu gañador coma o mellor gaiteiro do panorama mundial. No concurso definitivo en Lorient participan catro gaiteiros asturianos e catro galegos (previamente seleccionados). Por exemplo, este concurso gañárono eminencias da gaita coma Edelmiro Fernández, Daniel Bellón ou Carlos Núñez. Ademais de ser o concurso máis importante do mundo da gaita, é tamén un reto para calquera músico e require moita preparación, xa que non só debe interpretarse música galega, senón que os participantes deben formarse en música asturiana e bretona.


29 may 2017

Onde hai unha biblioteca hai unha luz

Magnífico traballo de Alicia Seoane Freire no que recrea un dos textos máis coñecidos de Agustín. Boa parte das imaxes son de autoría propia. Parabéns e grazas polo interese e o compromiso.

25 may 2017

Nace Velaquí, un servizo de balde para o intercambio de arquivos pesados

Nace Velaquí.gal, un servizo de balde para o intercambio de arquivos pesados, semellante ao We Transfer. De uso moi doado, permítelle á persoa usuaria compartir arquivos de ata 2GB en múltiples formatos, así como a subida simultánea de varios arquivos na mesma solicitude. 
Benvida sexa a iniciativa, que foi promovida pola asociación PuntoGal e a empresa Dinahosting.

23 may 2017

Magnífica homenaxe ao mestre Agustin, de Marcelo e Dalvin Familia Peña

Marcelo e Dalvin vólvennos sorprender con esta excelente actuación. Letra: Marcelo Familia.

 

Agustín Fernández Paz era como te chamabas
e é irónico pero en Paz é onde agora xa descansas.
Escritor cunha gran sabedoría, que mágoa que xa non esteas,
pero grazas ás túas obras recordarémoste cada día.
Se che conto unha historia non me crerías,
pero é que ler en galego nunca pensei que sería,
unha das cousas esenciais na miña vida.
Todo comezou  cunha triste CARTA DE INVERNO que logo me enganchou
e me entusiasmou para seguir lendo.
Grazas a ti viaxei polo mundo como GAGARIN,
buscando A CIDADE DOS DESEXOS para tratar, de ser feliz.
Contan as historias que existen de verdade as FLORES RADIACTIVAS,
que LONXE DO MAR escribían, CONTOS POR PALABRAS,
nas que redactaban, as vidas dunhas RAPAZAS,
que NO CORAZÓN DO BOSQUE  se encontraban atrapadas,
por unha NEVE INTERMINABLE,
que nunca cesaba, nunca paraba e aínda por riba un AIRE NEGRO tamén as acompañaba.
Todas esas novelas agora forman parte da miña vida,
e é unha pena xa que un gran oco deixaxes en Galicia coa túa partida,

pero co ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR ensináchesme que non hai que renderse por moi grande que sexa o bache.

19 may 2017

Homenaxe a Agustín: booktrailer de Aire negro

Valentina Andrade Forero, realiza este booktrailer co que quere achegarnos a unha das súas lecturas favoritas. 

18 may 2017

Felices 365 Días de Letras Galegas

Laura Míguez (4º ESO) deséxanos, con esta preciosa imaxe da súa autoría, uns felices 365 Días de Letras Galegas. Moitísimas grazas, Laura, e que sexan venturosos tamén para ti!


16 may 2017

Telexornal Carlos Casares, dende o CPI dos Dices

Parabéns, un ano máis, ao alumnado do CPI dos Dices e ao seu profesor Luís Aldegunde polo excelente labor realizado.


15 may 2017

Manifesto a prol da Filosofía

MANIFESTO A PROL DA FILOSOFÍA

Un día como hoxe hai 4 anos, en 2013, presentamos aquí un comunicado conxunto en defensa da filosofía, a Facultade de Filosofía de Santiago, a SOGAFI, o grupo Doxa e a Aula Castelao de Filosofía recollendo o lema QUEN TEME Á FILOSOFÍA? que servira para unha campaña reivindicativa impulsada a nivel estatal pola Red Española de Filosofía (REF).
A LOMCE foi aprobada en decembro de 2013, e neste curso 2016-2017 completouse o proceso de implantación desta nova reforma educativa que está a causar graves prexuízos aos estudos de Filosofía no ensino secundario, enfrontándonos aos profesionais da filosofía a un futuro cada vez máis restritivo en termos de horas lectivas, de postos de traballo e de relevancia académica.
Despois da supresión de tres das catro materias obrigatorias que ata agora estaban asignadas ao profesorado de Filosofía: a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos de 2º ESO, a Educación Ético-Cívica de 4º ESO e a Historia da Filosofía de 2º de Bacharelato, chegou agora finalmente e desaparición da Filosofía das probas comúns dentro da Avaliación Final de Bacharelato.
Xa daquela destacábamos a dimensión histórica do recorte, a súa contradición cos obxectivos da UNESCO, e o efecto negativo que ía ter sobre a liberdade de pensamento, a cultura e a calidade democrática deste país. Hoxe non podemos máis que confirmar esa pouco alentadora diagnose e constatar un retroceso en todos eses indicadores.
Como aclara o Informe da REF ás súas entidades integrantes do pasado 22 de xaneiro 2017, durante o proceso de tramitación lexislativa e de implantación apresurada da LOMCE distintas asociacións trataron de minimizar o seu impacto nas respectivas comunidades, cun resultado moi variado que de feito deu lugar a 17 sistemas educativos diferentes, polo menos no que respecta ás materias de Filosofía: algunha comunidade autónoma mantivo a obrigatoriedade de Educación para a Cidadanía en 2º ESO; varias comunidades ofertaron en 4º ESO unha optativa de Filosofía; a Filosofía de 1º de Bacharelato, única obrigatoria a escala estatal, ten unha carga horaria variable, entre 3 e 4 horas, segundo as comunidades; e en canto á Historia da Filosofía de 2º de Bacharelato, 9 das 17 comunidades autónomas decidiron mantela dalgunha forma como obrigatoria (segundo datos Informe REF 22/01/2017).
O último paso na implantación da LOMCE foi a regulación ministerial das reválidas, finalmente bastante parecidas á suprimida Proba de Acceso á Universidade, coa escepción de que a Historia da Filosofía xa non figura entre as catro materias troncais da proba, aínda que poderá figurar entre as optativas de modalidade para os alumnos que a teñan cursado.
No ámbito da política estatal os grupos parlamentarios aprobaron unha proposición de lei para paralizar a implantación da LOMCE, que foi recorrida polo goberno do estado ante o Tribunal Constitucional, e ao mesmo tempo os partidos chegaron a un acordo no Congreso para crear unha Subcomisión de Educación e negociar un “Pacto de Estado social e político pola educación” que nun prazo de seis meses subsistituirá á LOMCE.
A este contexto político xeral engádenselle as particularidades de Galicia. Ante a gravidade na situación da filosofía a Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela organizou en Santiago en novembro un “I Encontro Interacadémico de profesores de Filosofía”, no que se constituíron distintas comisións de traballo e se fixeron, entre outras, propostas en torno á modificación do marco lexislativo da LOMCE no ámbito de Galicia (sobre carga horaria de Filosofía e de Valores Éticos e outros cambios curriculares). Dese encontro saíu tamén a decisión de emprender unha rolda de contactos cos grupos parlamentarios e solicitar unha entrevista do Decano da Facultade e os novos directivos da reconstituída SOGAFI co Conselleiro de Educación, entrevista que foi longamente postergada e finalmente realizada o pasado 9 de marzo con nula vontade negociadora por parte da administración.
E entretanto en febreiro de 2017 confírmase a desaparición da Filosofía das probas comúns da Avaliación Final de Bacharelato. Trátase dun chanzo máis nun proceso cada vez máis terminal, que garda relación coa perda de instrumentos conceptuais para afrontar os desafíos dun mundo complexo, cambiante e incerto, no que os valores solidarios das democracias van perdendo empuxe diante dos intereses egoístas dos individuos e grupos privilexiados. Por iso consideramos que a importancia da Filosofía non é accidental senón decisiva, para madurar como persoas e para ter acceso a unha formación integral do ser humano.
Por todo o anteriormente exposto as institucións, asociacións e colectivos que abaixo se enumeran, así como todos os que firman este manifesto a título persoal, solicitan ó Ministerio de Educación e á Subcomisión de Educación que negociará un “Pacto de Estado social e político pola educación”, restituír a Filosofía ao lugar que lle corresponde polo seu valor formativo nos estudos de educación secundaria.
O cal pasa, ao noso parecer, pola adopción das seguintes medidas, debatidas e consensuadas no “I Encontro interacadémico de profesores de Filosofía” realizado en Santiago:
  • Consideramos que a Filosofía como disciplina esencial para a formación dos cidadáns do futuro non pode artellarse en secundaria e bacharelato en base a materias optativas. Estas en todo caso deberían de complementar ás materias a cursar por todo o alumnado. Por esta razón reivindicamos para posibles futuras reformas educativas a seguinte carga horaria da disciplina de filosofía:
1º Unha Historia da Filosofía obrigatoria para todas as modalidades en 2º de Bacharelato (cunha carga horaria de 4-3 horas)
2º Unha Introdución á Filosofía en 1º de Bacharelato para todas as modalidades (cunha carga horaria de 3 horas)
3º Unha Ética ou Filosofía en 4º da ESO para todas as modalidades (cunha carga horaria de 3 horas)
  • Respecto a materia de Valores Éticos: consideramos que esta debería ser unha disciplina a cursar por todo o alumnado, e non só unha alternativa laica á materia de Relixión, por iso solicitamos que a materia sexa obrigatoria. Por outro lado a docencia desta materia debería de estar en mans de profesorado de Filosofía, non ser impartida por calquera departamento que necesite completar carga horaria, como sucede en moitos centros na actualidade. De non haber departamento de Filosofía no centro (como é o caso de moitos CPI) habería que reivindicar a creación de ditas prazas pois suporía unha presencia maior da Filosofía nos centros educativos, a visibilidade da materia nas diferentes etapas escolares, e unha base mellor para fornecer a Filosofía en etapas superiores, así como máis postos de traballo para os titulados en Filosofía.

Asdo.: Grupo DOXA, Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, Grupo Nexos de Didáctica da Filosofía, SOGAFI, Grupo de Filosofía de Vigo, Aula de Filosofía Ferrolterra, Aula Castelao de Filosofía.




Nome:        NIF: 
Outros:     
E-mail:                    

Amar pelos dois

Parabéns, Portugal!



Salvador Sobral - Amar Pelos Dois (Thought of You by Ryan Woodward) from Creativehole on Vimeo.

Se um dia alguém perguntar por mim,
diz que vivi para te amar.
antes de ti, só existi
cansado e sem nada para dar.

Meu bem, ouve as minhas preces,
peço que regresses, que me voltes a querer.
Eu sei que não se ama sozinho,
talvez, devagarinho, possas voltar a aprender.

Meu bem, ouve as minhas preces,
peço que regresses, que me voltes a querer.
Eu sei que não se ama sozinho,
talvez, devagarinho, possas voltar a aprender.

Se o teu coração não quiser ceder,
não sentir paixão, não quiser sofrer,
sem fazer planos do que virá depois,
o meu coração pode amar pelos dois.    

                         Salvador Sobral

11 may 2017

Homenaxe a Agustín Fernández Paz: A viaxe de Gagarin

Laura Míguez leu A viaxe de Gagarín no club de lectura Fendetestas, e sumouse á homenaxe de Agustín con este magnífico traballo. Parabéns á nosa booktuber máis prolífica.

9 may 2017

Rap para Agustín de Marcelo e Rodrigo

Agustín deixou unha pegada fonda en moitas xeracións de adolescentes. Tivemos ocasión de constatalo, unha vez máis, na homenaxe que o mes pasado lle rendemos dende o IES de Curtis. Os traballos realizados polo noso alumnado dan conta dunha admiración que vai máis aló do puramente literario.

Letra: Rodrigo Matos Barral.  


Galego de orgullo, alma sincera, escritor de oficio, 
pensou na xeración vindeira. 
Sempre á beira do mar escribindo contos,
sendo fiel ás ideas das que renegan moitos. 
Teceu historias cos fíos da vida
e a súa obra traduciuse a dezaseis linguas.
A diversidade é o que nos une a todos
neste vello planeta cheo de lobos, 
ser universal dende a nosa cultura 
con el xa non é unha falcatrúa 
porque as raíces son o que nos ergue do chan 
e ignoralas é de paspáns. 
O cine e os libros acompañárano sempre
e tamén a preocupación polo medioambiente. 
Escribir gustáballe moito, 
mais inda prefería ler as historias doutros.
Cría que nas bibliotecas hai unha luz
tan luminosa coma a que trouxo Xesús.
Contounos historias fermosas,
fíxonos rir en situacións duras, 
emocionounos cos seus relatos, 
foi referente xuvenil debido a tantos actos.
O impacto dos seus libros abrandou os corazóns 
Viva Agustín!, fundamental para nós. 
Se cadra este rap non queda para a historia,
pero Agustín querémoste e témoste na memoria.

23 abr 2017

Feliz Día do Libro

Agradecemos a composición achegada por Vinicius Cámara de Souza Silva e desexámosvos a todos un feliz día.

4 abr 2017

Agustín, na memoria

Audiovisuais, música en directo, teatro, booktubers, booktrailers... Traballos moi ben feitos cos que vós quixestes honrar a figura do grande mestre, Agustín.

Mércores:  1º e 2º ESO, 10.45- 12.25 horas. Salón de Actos.
Venres: 3º, 4º ESO, 10.45- 12.25 horas. Salón de Actos.
 

O dicionario da RAG incorpora a busca de palabras de xénero feminino


Benvida sexa a nova!

1 abr 2017

A Academia das artes dedícalle o día á artista galega máis recoñecida do século XX: Maruja Mallo

Nada en Viveiro, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Anos máis tarde ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española, algúns deles conformarían a Xeración do 27. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudiantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e en especial con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación. 
En 1928 Ortega y Gasset lle brinda os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición, se converte entón nunha das protagonistas da tensión creadora que se viviu en España dende os derradeiros anos vinte até a Guerra Civil. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña fascinada por aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.
A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a
crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chegalle o recoñecemento total; a súa culminación podería establecerse na Medalla de Ouro de Belas Artes, no 1982, e na exposición antolóxica que en 1993 lle dedica, entre unha forte polémica polo inadecuado do momento, o Centro Galego de Arte Contemporánea. Para entón Maruja está xa moi enferma. Encamada, rodeada de postais e recordos, morre o 6 de febreiro de 1995 na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.



15 mar 2017

Este sábado vémonos en Monterroso!


A Asociación Cultural 25 Xastres volve convocar a feira do libro e do disco galego, cun magnífico programa no que poderemos ver e/ou mercar as últimas novidades editorais e musicais. Leandro Lamas, Riveiro Coello, Manuel Gago, Ataque Escampe, Pablo Díaz, Silvia Penide... Son algúns dos escritores e músicos presentes nesta edición. Vémonos en Monterroso!