1 abr 2017

A Academia das artes dedícalle o día á artista galega máis recoñecida do século XX: Maruja Mallo

Nada en Viveiro, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Anos máis tarde ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española, algúns deles conformarían a Xeración do 27. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudiantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e en especial con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación. 
En 1928 Ortega y Gasset lle brinda os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición, se converte entón nunha das protagonistas da tensión creadora que se viviu en España dende os derradeiros anos vinte até a Guerra Civil. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña fascinada por aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.
A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a
crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chegalle o recoñecemento total; a súa culminación podería establecerse na Medalla de Ouro de Belas Artes, no 1982, e na exposición antolóxica que en 1993 lle dedica, entre unha forte polémica polo inadecuado do momento, o Centro Galego de Arte Contemporánea. Para entón Maruja está xa moi enferma. Encamada, rodeada de postais e recordos, morre o 6 de febreiro de 1995 na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.



No hay comentarios:

Publicar un comentario