8 may 2012

A AELG felicita os membros dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística e premia o seu labor

Hoxe, a Asociación de Escritores en Lingua Galega envioulle ao  equipo directivo unha circular na que se comunicaba que o pasado sábado a AELG fixo entrega do seu premio “Institucións” aos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino e aos Servizos de Normalización Lingüística dos Concellos.

Entre as razóns que motivaron esta elección a AELG destaca: “o labor colectivo desenvolvido por tantas persoas que dende hai décadas no ámbito da administración e da educación, traballaron firmemente para a incorporación, fixación e acrecentamento de usos normalizados da lingua e, polo tanto, da literatura galega. Este labor comunitario quere ser recoñecido e singularizado pola AELG, nomeadamente, nos equipos humanos e profesionais que constitúen os Equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de normalización dos concellos, colectivos responsábeis do desenvolvemento da lingua galega nos seus ámbitos de actuación. A magnitude do seu traballo e a implicación de tantas persoas boas e xenerosas non permiten o recoñecemento individual merecido para todas elas, polo que se acordou que recollera simbolicamente este premio Agustín Fernández Paz, unha persoa que dedicou unha parte moi importante da súa vida a traballar para avanzar no lento progreso normalizador”.
                                      [...]
“Desde o Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, trasladámoslles a cada unha das persoas que formaron ou forman parte do Equipo de Normalización do seu centro o noso agradecemento polo seu labor pasado, presente e futuro”.

O labor, que dende hai máis de vinte anos, veñen desenvolvendo dun xeito altruísta os ENDL non sempre é debidamente recoñecido. Vaia, pois, para a AELG a nosa gratitude por este galardón que nos enche de orgullo e nos anima a seguir traballando. 

Temos a honra de compartir premio AELG 2012 con:

Narrativa: Laura no deserto, Antón Riveiro Coello
Ensaio: Vivir unha aventura irrepetíbel. Biografía de M.ª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas
Poesía: Leopardo son, Pilar Pallarés
Teatro: Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011: Bieito Iglesias
Literatura Infanto- Xuvenil: Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz
Tradución: Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo
Mellor blog literario: As crebas, Miro Villar

A todos eles, os nosos parabéns.

Podes ler aquí o documento completo enviado pola AELG, así como as palabras pronunciadas por Agustín ao recoller o premio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario