27 abr 2012

Curtienses ilustres

As aulas do IES de Curtis levan nomes de galegos ilustres. Varios destes persoeiros son curtienses ou están directamente ligados á nosa vila.
Alicia e Eimy Seoane, de 1º ESO A, déixannos hoxe información sobre un dos máis sobranceiros: San Pedro de Mezonzo.

SAN PEDRO DE MEZONZO

Pedro de Mezonzo (Curtis-930, Santiago de Compostela 1003), foi bispo de Iria Flavia e a el atribúeselle a autoría dun dos cánticos máis célebres dos cristiáns: a Salve Regina, tal como cita o papa Bieito XIV.
A súa historia vai ligada á dunha época convulsa para Galicia na que as terras de Sobrado foran asoladas nunha cruenta invasión polos viquingos normandos. Pedro reconstruirá o mosteiro de Santa Eulalia de Curtis e reorganizará as terras e as xentes dependentes de Sobrado.
Na campaña emprendida por Almanzor contra Galicia no 997, Pedro de Mezonzo será o encargado de evacuar Santiago de Compostela antes da chegada das tropas árabes e salvará as reliquias do Apóstolo levándoas consigo. A cidade deserta foi tomada por Almanzor que a saqueou e queimou durante oito días, despois dos cales tomou catro mil prisioneiros aos que lles fixo cargar coas campás e as portas da catedral (posteriormente devoltas) ata a mezquita de Córdoba.
Tamén, nesta ocasión, lle corresponde ao bispo Mezonzo o labor de restauración das cidades, vilas e conventos destruídos no ataque. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario