
Un grupo de alumnos e alumnas de 1º ESO despois de ler O neno can decidiron entrevistar a Fina Casalderrey. Tomaron moi en serio o labor de documentación e o resultado á vista está. Grazas Fina, polo cariño, e a complicidade.
O misterios dos fillos de Lúa, Dúas bágoas por Máquina, O neno can... Por que os animais teñen tanto protagonismo nas súas obras?
De certo poderiamos
seguir cunha vintena delas, polo menos, nas que os animais teñen algunha ou
moita relevancia. O caso é que non sei moi ben a razón, quizais porque me criei
con cans, galiñas e gatos moi cerca e na dos avós habería que lles engadir
ovellas, vacas, paxaros...
Ás veces un animal humanizado sérvenos para dar
entrada a un tema complexo para a infancia como pode ser, poño por caso, a
explotación da muller, tal é o caso de E
ti, ¿que farías por min?. Sempre pensei que os animais da casa son as
mellores pílulas contra o estrés ou a tristeza. Achéganse pedindo caricias,
pásaslle a man polo lombo... e suavizas man e ánimo. Nalgún dos libros, como en
A pomba e o degolado hai un
paralelismo entre a vida dos paxaros e a de André, o protagonista... o de Lúa, eu tiven unha gata que se chamaba
Lúa.... en Dúas bágoas... quen non o pasa mal cando lle
desaparece o seu can?
En O neno can todos os relatos seguen a mesma estrutura: un neno coñece a un can e afrontan os problemas xuntos. Por que?
En O
neno can a figura do can, con nomes sempre de fenómenos metereolóxicos, que
aparece en cada historia, convértese no máis grande nexo de unión entre os
diferentes relatos... De certo, un neno, ou unha nena, atopa cun can da rúa,
cun ser ao que se lle supón que sofre as mesmas calamidades que a persoa que o
busca, ou a quen el busca ou con quen o azar lle fai bater. No relato que dá
título ao libro o propio neno é tomado por un can polos demais rapaces. En
realidade, cando aparece o can é unha sorte de bo presaxio, como se a partir
dese instante as cousas comezasen a endereitarse, a ir mellor.
Tamén é habitual que nas súas obras aparezan os problemas da infancia. É algo que lle preocupa?
Dei clase 40 anos!!
Xubileime queréndolles moito, moito; e o máis difícil, creo que queréndome a
min tamén... Gústanme os rapaces "reais", que viven historias
cribles. Moitas delas , xa de por si, son bastante incribles. Tento meterme na
pel de un de vós, cando me parece que o consigo, síntome afortunada, ata fada!
Creo que as nenas e os nenos , os mozos e as mozas... son máis novos ca min,
non menos intelixentes e que calquera tema se pode tratar, o difícil está en
saber como. Un neno real ten soños, ten medos, ten desexos, ten problemas.
Que hai de real nas historias deste libro?
No neno can, por desgraza, todo podería ser real. Son historias ficticias, inventadas, pero non hai mellor taller literario que a propia vida, nela acotío presenciamos ou dannos conta de historias semellantes e ben máis duras. Certo que a literatura non pode cambiar o mundo, pero si as persoas que a len.
Hai elementos autobiográficos nalgunha das súas obras?
Segurísimo
que si, incluso aínda que eu mesma non o saiba. Sempre escribimos do que
sabemos, do que soñamos, do que desexamos, do que nos preocupa, do que nos
ocupa, do que lemos ou imaxinamos... A mantenta, adrede, nunca escribín sobre
min mesma, con todo, en cada libro vaise un anaquiño de min, da miña maneira de
ler o mundo.
Dende o meu punto de vista, A lagoa das nenas mudas é unha das súas mellores obras. Como naceu esa historia?
Moitas grazas! Iso é
porque aínda non liches Historia da
bicicleta dun home lagarto :) A lagoa...
débolla a un par de nenas de Serra Leona que a mediados de curso trouxeron para
a miña clase. Non sabían nin galego nin castelán. O director sentounas en
cadanseu pupitre, foise e un rapaz espetoulle de súpeto "neghras!!" Díxollo
con voz de insultar e, aínda que elas non entenderon o significado, romperon a
chorar desconsoladamente... Iso pareceume tan cruel...
É máis fácil escribir un libro soa ou acompañada? Volverá elixir esta maneira de contar?
Soa é máis doado. Para
facer un libro acompañada hai que facer un exercicio de humildade, de
xenerosidade, de contención... pero resulta sempre enriquecedor.
Que premio recibiu con máis ilusión?
O último premio ao
que me presentei foi no 1995, e concedéronme o EDEBÉ en xaneiro do 1996. Veu
logo o Nacional, que a ese non te presentas, nese mesmo ano e nunca máis me
presentei a ningún premio. Os que veñen son os máis entrañables, porque veñen sos...
O mellor, o mellor... é o premio de ter mozos e mozas coma ti que len os meus
libros, e en ocasións relen varias veces. Ese si que é un premio!! Moito vos
debo a vos e ao profesorado!!
Algunhas persoas pensan que a Literatura Infantil e Xuvenil é unha literatura inferior. Que pensa vostede ao respecto e que lles diría?
Uf, daríalles unha
conferencia con probas, a LIX non xoga en segunda división, só "xoga"
nunha dimensión descoñecida para moitos. Por iso se abraian cando descobren
verdadeiras xoias nesta literatura. Escribir para nenos, non é escribir para
parvos!! Pola contra a vós "repampínflavola" que un libro acadase mil
premios, se non vos gusta dicídelos sen ataduras de ningún tipo. Hai moita
Xente que escribe "para nenos" pero non toda fai "literatura"...
iso tamén é verdade. Un neno sabe gozar cunha metáfora axeitada, aínda que non
acerte a recoñecela.
Quen elixe os membros da RAG? Que criterios se seguen?
Elixen os que xa son
membros. Esa información podes atopala na rede. debería ser unha persoa que
dalgunha maneira fixese algo polas letras galegas, pola lingua...que trascenda
fóra das portas da súa casa... Na rede atoparás información.
Por que hai tan poucas mulleres? Acaso as mulleres galegas escriben peor cós homes?
Hoxe, cando isto che
contesto é o día de Rosalía, a 1ª muller (e poucas máis) homenaxeada no Día das
Letras Galegas. Hai moi poucas, aínda que sexan moitas as que o merecerían,
porque as portas do mundo da cultura estiveron demasiados anos pechadas para as
mulleres. Se ler o prólogo de La hija del mar de Rosalía, alí ela
"pide desculpas" por atreverse a escribir sendo muller, xa te dás
conta dalgunhas cousas inxustas...
Como se vive o tema dende dentro? Que pensan as académicas ao respecto? Hai debate interno?
Claro que se fala
tamén diso, pero é tan evidente a diferenza que case nin admite debate. Oxalá
entren agora algunhas máis... por desgraza morreron dous académicos hai pouco e
teñen que entrar dous máis. Veremos que
pasa...
Dos libros que escribiu cal me recomendaría? Por que? Que outros títulos e/ou autores debería ler unha persoa da miña idade?
Sé libre, busca,
trabúcate, faille caso a un compañeiro, ou non, á profe, ou ao profe, ou non...
descubre, seguro que hai algún tesouro agardándote.
É tan importante a lectura como din os pais e o profesorado?
Aínda que só sexa
para sentirte logo libre para poder non ler, si, é importante, moito. Iso non
significa que todas as persoas que len son boa xente, ou moi intelixentes, pero
seguro que están máis preparados para dicir "si" ou dicir
"non" e iso é moi útil.
En fin, son todas
preguntas demasiado interesantes, e moitas... Precisaría unha tarde para contestar
a gusto a cada unha delas...
E xa para rematar, unha pregunta que sempre lle facemos aos escritores e escritoras cos que falamos: Por que escribe en galego? Non cre que se empregase o castelán aumentaría considerablemente o seu número de lectores?
Escribo en galego
sempre, porque son galega. Logo, se non o fago mal de todo, xa me traducen a
outras linguas. Eu non estou segura de que escribir en galego nos prexudique,
dende logo a nivel de afectos, non me prexudica nada! Os premios que me deron a
nivel do estado español ou mesmo algúns recoñecementos internacionais, foi por
libros que no seu día estaban publicados só en galego.
Moitas grazas, Fina, polo seu tempo e agardamos poder vela pronto en Curtis.
Moitas grazas, Fina, polo seu tempo e agardamos poder vela pronto en Curtis.
Neste momento, contamos xa cunha nova muller na RAG: Marilar Alexaindre, veu ocupar recentemente a cadeira de Neira Vilas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario