22 ene 2016

O Consello de Europa volve censurar a política lingüística da Xunta

O Consello de Europa volve reprender a Xunta pola súa política lingüística. Como xa fixera en anteriores informes, o Comité de Expertos da institución para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias censura as actuacións do Goberno galego, sobre todo no que ten que ver co ensino, no seu cuarto informe sobre o cumprimento da Carta no Estado español e insta as autoridades españolas e galegas a cumpriren os acordos que o Executivo central ratificou coa sinatura deste tratado internacional en 2001.
"A lingua galega está amplamente presente na vida pública, incluída a das administracións rexionais e locais. No ámbito educativo, o Comité de Expertos está preocupado pola redución gradual da presenza do galego no ensino medio. Coa introdución do modelo trilingüe, a proporción do galego viuse reducida no ensino primario e secundario", di o Consello de Europa nas súas conclusións sobre un informe que insiste nos reproches que xa amosara no ditame de 2012 e cuxas críticas foran en moitos casos desdeñadas pola Xunta. 
O Consello de Europa insiste en que Galicia non cumpre cos acordos da Carta Europea das Linguas nin no ensino infantil, nin no primario nin en secundaria e repara nas limitacións que ao fomento e normalización do galego supón o Decreto 79/2010 -coñecido como decreto do plurilingüismo-, que con fonda polémica substituíra ao decreto do goberno do bipartito coa chegada de Feijóo á Xunta. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario