O Consello de Europa acaba de manifestar a súa preocupación polo
efecto negativo da "redución gradual" do galego no ensino en Galicia,
unha advertencia que concorda coa posición da Real Academia Galega
fronte ao Decreto 79/2010 da Xunta de Galicia. O organismo europeo
emitiu esta semana un novo informe sobre a aplicación da Carta Europea
de Linguas Rexionais e Minoritarias en España que identifica "problemas
importantes", entre os que sinala expresamente a redución do ensino en
galego como consecuencia da aplicación do devandito Decreto, unha norma
que entra "claramente en contradición" cos compromisos adoptados polas
autoridades ao asinaren a Carta, engade o documento.
Este
último informe, redactado polo Comité de Expertos da Carta Europea de
Linguas Rexionais e Minoritarias, constata que a Xunta de Galicia
incorre nun flagrante incumprimento da Carta en España, tal e como
denunciou a Real Academia Galega nos recursos presentados ante o
Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional contra o Decreto 79/2010.
Xa que logo, a Academia considera que pon tamén de relevo a falta de
fundamento da sentenza do Tribunal Supremo, que rexeitou o recurso da
RAG que incluía, entre outros motivos de impugnación, esa vulneración; e
que igualmente evidencia a falta de rigor do Constitucional ao non
admitir a trámite o recurso de amparo posterior.
A
Real Academia Galega foi unha das institucións consultadas polo Comité
de Expertos para a elaboración do seu informe. Con ocasión desta
consulta, redactou un documento dispoñible nesta ligazón.
Neste texto, ademais de analizar a situación da lingua, a Academia
instaba a Comisión de Expertos a que lle solicitase ao Comité de
Ministros unha recomendación específica para que o goberno galego
eliminase os obstáculos normativos que impiden o cumprimento da Carta.
Tras unha profunda análise da situación do galego en Galicia, o informe
redactado polo Comité de Expertos faise eco da chamada de atención da
RAG e subliña que o Decreto 79/2010 "ten un impacto moi negativo ao
fixar un máximo do 50% do ensino en galego, co obxectivo final de
reducilo a un terzo, mentres que ao mesmo tempo prohibe expresamente o
ensino en galego de Matemáticas na Primaria e de Matemáticas, Tecnoloxía
e Física e Química na Secundaria". "Con respecto ao ensino na etapa de
Infantil, o galego só está presente en niveis do 6,57% en cidades de
máis de 50.000 habitantes", engade.
O Comité de expertos
tamén recolle a preocupación da RAG pola situación do galego fóra de
Galicia e urxe ás autoridades a actuar con decisión na promoción do
galego en Castela e León e Estremadura. Na mesma liña, tamén chama a
atención sobre as carencias en materia de dereitos lingüísticos por
parte da administración xeral do Estado, a xustiza ou a sanidade.
Ante este novo diagnóstico, a Academia insiste en que a normalización
da nosa lingua é un obxectivo irrenunciable da sociedade galega e que
tanto a Xunta de Galicia como o Goberno de España están moral e
legalmente obrigados a tomar medidas positivas para conseguila.
No hay comentarios:
Publicar un comentario