6 ago. 2017

Manuel Seoane representa a Galicia no festival de Lorient


Parabéns ao noso ex alumno Manuel Seoane que estes días toca ante máis de 700.000 persoas no festival de música celta de Lorient representando a Galicia. Agardamos que volva co trofeo MacCrimmon, que acredita ao seu gañador como mellor gaiteiro do mundo. Estamos contigo!

Manuel Seoane
Manuel Seoane toma o seu primeiro contacto coa música tradicional aos catro anos cando comeza a ir a clases de gaita con Suso Ascariz na Maristela, unha asociación cultural de Sobrado dos Monxes. Tras botar dez anos formándose con Suso Ascariz, comeza a dar clase con varios profesores, coma Pedro Lamas, para recibir clases posteriormente por parte de Daniel Bellón, o gaiteiro máis galardoado da historia de Galicia. Paralelamente á súa formación na gaita e na música tradicional, en 2014 ingresa no Conservatorio Profesional de Música de Melide para comezar os seus estudos de música clásica e cursar a especialidade de Saxofón. Actualmente, desenvolve os seus estudos musicais no CMUS Xoán Montes de Lugo con Marcos Mariño, onde segue estudando actualmente.
O pasado 23 de abril participou no Concurso-Selección para o Trofeo MacCrimmon, no que os catro seleccionados terían o privilexio de representar a Galicia no concurso e no Festival Intercéltico de Lorient .Nel recibiu o segundo premio, sendo o gaiteiro máis novo en facelo e sendo o único menor de idade (17 anos) dos catro premiados, tendo os outros unha media de 30 anos de idade.
O Trofeo MacCrimmon está considerado o premio máis alto ao que un gaiteiro pode aspirar, nomeando ao seu gañador coma o mellor gaiteiro do panorama mundial. No concurso definitivo en Lorient participan catro gaiteiros asturianos e catro galegos (previamente seleccionados). Por exemplo, este concurso gañárono eminencias da gaita coma Edelmiro Fernández, Daniel Bellón ou Carlos Núñez. Ademais de ser o concurso máis importante do mundo da gaita, é tamén un reto para calquera músico e require moita preparación, xa que non só debe interpretarse música galega, senón que os participantes deben formarse en música asturiana e bretona.


29 may. 2017

Onde hai unha biblioteca hai unha luz

Magnífico traballo de Alicia Seoane Freire no que recrea un dos textos máis coñecidos de Agustín. Boa parte das imaxes son de autoría propia. Parabéns e grazas polo interese e o compromiso.

25 may. 2017

Nace Velaquí, un servizo de balde para o intercambio de arquivos pesados

Nace Velaquí.gal, un servizo de balde para o intercambio de arquivos pesados, semellante ao We Transfer. De uso moi doado, permítelle á persoa usuaria compartir arquivos de ata 2GB en múltiples formatos, así como a subida simultánea de varios arquivos na mesma solicitude. 
Benvida sexa a iniciativa, que foi promovida pola asociación PuntoGal e a empresa Dinahosting.

23 may. 2017

Magnífica homenaxe ao mestre Agustin, de Marcelo e Dalvin Familia Peña

Marcelo e Dalvin vólvennos sorprender con esta excelente actuación. Letra: Marcelo Familia.

 

Agustín Fernández Paz era como te chamabas
e é irónico pero en Paz é onde agora xa descansas.
Escritor cunha gran sabedoría, que mágoa que xa non esteas,
pero grazas ás túas obras recordarémoste cada día.
Se che conto unha historia non me crerías,
pero é que ler en galego nunca pensei que sería,
unha das cousas esenciais na miña vida.
Todo comezou  cunha triste CARTA DE INVERNO que logo me enganchou
e me entusiasmou para seguir lendo.
Grazas a ti viaxei polo mundo como GAGARIN,
buscando A CIDADE DOS DESEXOS para tratar, de ser feliz.
Contan as historias que existen de verdade as FLORES RADIACTIVAS,
que LONXE DO MAR escribían, CONTOS POR PALABRAS,
nas que redactaban, as vidas dunhas RAPAZAS,
que NO CORAZÓN DO BOSQUE  se encontraban atrapadas,
por unha NEVE INTERMINABLE,
que nunca cesaba, nunca paraba e aínda por riba un AIRE NEGRO tamén as acompañaba.
Todas esas novelas agora forman parte da miña vida,
e é unha pena xa que un gran oco deixaxes en Galicia coa túa partida,

pero co ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR ensináchesme que non hai que renderse por moi grande que sexa o bache.

19 may. 2017

Homenaxe a Agustín: booktrailer de Aire negro

Valentina Andrade Forero, realiza este booktrailer co que quere achegarnos a unha das súas lecturas favoritas. 

18 may. 2017

Felices 365 Días de Letras Galegas

Laura Míguez (4º ESO) deséxanos, con esta preciosa imaxe da súa autoría, uns felices 365 Días de Letras Galegas. Moitísimas grazas, Laura, e que sexan venturosos tamén para ti!