Ante a publicación dos datos do IGE que avisan dunha alarmante perda do
galego entre os falantes máis novos, a RAG volver erguer a súa voz, como xa fixera en 2013, e por segunda vez en máis dun século de
existencia, fai público un comunicado no que insta ao goberno a tomar as
medidas necesarias para o fomento da lingua; entre elas, a derrogación do
Decreto do Plurilingüismo.
A Coruña, 30 de xaneiro de 2015
Grazas aos esforzos de innúmeras persoas e colectivos e contra os
desatinos da historia, o galego conseguiu manterse e soerguerse,
superando séculos de marxinación e décadas de persecución. Nunca
agradeceremos dabondo a xenerosidade, a afouteza e a visión de futuro de
moitos galegos e galegas que foron quen de rescatar o noso idioma da
prostración e de facelo pular nos distintos ámbitos, da creación
literaria aos medios de comunicación, o ensino ou os diversos ámbitos
profesionais. Eses esforzos son a mellor mostra da adhesión do pobo
galego cara ao idioma de seu. Estamos certos de que a inmensa maioría
das xentes do país –independentemente da súa ideoloxía ou mesmo do
idioma que falan– valoran a lingua, téñenlle lei e desexan que siga
vivindo. Nesa certeza descansa a nosa confianza no seu futuro.
Con todo, os datos estatísticos recentemente publicados veñen
apuntar un preocupante retroceso do seu uso nos últimos anos,
especialmente entre as novas xeracións, agravando unha tendencia
histórica que pode conducilo á decadencia. En cumprimento dos seus
deberes estatutarios, a Real Academia Galega, ante a alarma que estes
datos provocaron en amplos sectores da nosa sociedade, decidiu facer
pública a seguinte declaración institucional:
1.- O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade en 2004 un Plan
Xeral de Normalización da Lingua Galega que viña concretar as
previsións da Lei de Normalización Lingüística. É responsabilidade do
goberno galego asumilo, poñendo en marcha as medidas previstas nel dun
xeito programado, verificable e suxeito a avaliación. Non se pode
demorar por máis tempo o momento de emprender iniciativas concretas con
prazos precisos. Instamos a que o mesmo consenso político que
posibilitou a aprobación da Lei e do Plan citados impulse agora a súa
plena e eficaz implementación.
2.- O sistema educativo é unha peza clave para garantir o porvir do
galego. A evolución dos últimos anos evidencia que os cambios legais
non só tiveron resultados insatisfactorios, senón que supuxeron un
retroceso evidente. No seu día, a RAG recorreu legalmente o decreto
chamado de plurilingüismo aprobado en 2010. Hoxe, con máis razón,
reclamamos a súa derrogación e o establecemento dun marco legal que
permita unha presenza suficiente do galego no ensino, de acordo cos
compromisos contraídos polo Estado Español na Carta Europea de Linguas
Rexionais e Minoritarias.
3.- A infancia e a mocidade constitúen sectores prioritarios. É
imprescindible darlles facilidades aos cativos e aos mozos para o uso do
galego alén das relacións familiares e das aulas. Demandamos que se
promova unha maior oferta televisiva, de produtos audiovisuais e de
recursos, actividades e espazos de lecer en idioma galego específicos
para a xente máis nova.
4.- A Universidade é o ámbito principal de formación de
profesionais e da investigación do país. As universidades galegas están
obrigadas a facer un esforzo a prol do galego na docencia e a fomentar
as liñas de investigación en diversas áreas que contribúan ao seu pleno
desenvolvemento como idioma útil e capaz de afrontar os desafíos do
século XXI.
5.- A presenza do galego nos medios de comunicación escritos,
audiovisuais e en liña non é proporcionada á que o idioma ten na
sociedade galega. Urximos os medios, públicos e privados, a que
contribúan positivamente á súa difusión, ao tempo que reflicten
verazmente a realidade lingüística de Galicia.
6.- O desempeño do galego no ámbito empresarial, sindical,
comercial, profesional e publicitario está moi por debaixo da súa
utilización na vida real da maioría da poboación. Animamos as empresas,
sindicatos, colexios e colectivos profesionais a que se adapten
debidamente ao uso lingüístico de clientes, usuarios e públicos a quen
dirixen os seus servizos. Exhortamos tamén a Igrexa, que goza dunha
importante implantación social, pero que non responde ás propias
proclamas oficiais de se comprometer a un maior uso do galego na
liturxia, na predicación e na catequese.
7.- As institucións públicas deben garantir que os cidadáns e
cidadás poidan ser atendidos en galego, e para isto é imprescindible
recuperar un nivel proporcionado de esixencia de coñecemento e de
emprego profesional del. Cómpre que o galego sexa debidamente requirido e
valorado nas probas de acceso e promoción na función pública.
8.- A mellor garantía para a pervivencia e vitalidade do idioma é a
transmisión das xeracións maiores ás máis novas e o compromiso
individual de cada un dos falantes no seu uso. Convidamos os avós e as
avoas, os pais e as nais a que empreguen a lingua propia do país nas
súas relacións cos seus fillos e fillas, netos e netas, e animamos as
persoas que recibiron o idioma en herdo a que se sintan orgullosas del e
non renuncien a utilizalo na súa vida diaria. Asístenos o dereito a
vivir en galego e esiximos que ese dereito sexa amparado e respectado.
9.- As institucións culturais teñen unha responsabilidade
específica tanto no prestixiamento do galego coma na creación e a
divulgación de instrumentos que faciliten o seu uso e melloren a súa
calidade. A Real Academia Galega comprométese a cumprir as súas funcións
coa maior dilixencia e ofrece a súa colaboración ao goberno galego e
calquera outra instancia que llo solicite. En ningún caso a RAG vai
declinar da súa obriga máis importante, que é a "defensa, ilustración e
promoción da lingua galega" (art. 1º Estatutos).
10.- A sociedade galega leva investido unha gran cantidade de
recursos, enerxías e ilusións na tarefa de normalizar o idioma propio.
Ese esforzo non pode derramarse. A responsabilidade de seguir abríndolle
o camiño é de todos e todas nós, pero son as institucións públicas e
nomeadamente o goberno galego, as que contan cos recursos máis poderosos
e os instrumentos máis eficaces para conseguilo, ademais de estaren
legal e moralmente obrigadas a facelo. Urxe unha reflexión seria, cómpre
un novo impulso para evitar o desafiuzamento do galego da súa propia
casa, Galicia. Un marco normativo máis axeitado, pero sobre todo, un
discurso renovado, positivo e proactivo. Correspóndelle á Xunta de
Galicia tomar a iniciativa e liderar o esforzo social para seguirmos
avanzando.
Unha lingua é un universo de seu, pertence ao mellor saber da
humanidade. É unha ponte entre xeracións, un precioso elo coa historia e
unha ferramenta valiosísima para o futuro, un medio de comunicación e
tamén un recurso con valor emocional e económico. É un ben público, o
máis semellante ao ar que respiramos. Temos un tesouro para compartir,
sería imperdoable desbaldilo. Ter un idioma propio, orixinal, único,
impón a obriga moral e práctica de conservar ese herdo para nós e para
toda a humanidade. O galego non é un problema, é unha riqueza que non
podemos estragar. Longa vida á lingua galega!
No hay comentarios:
Publicar un comentario