14 jun 2016

Entrevista a Carlos Ferrás Sexto



Cristian Morandeira Gómez, alumno de 3º ESO, preocupado polo futuro do noso agro, entrevista a D. Carlos Ferrás Sexto, Director do Grupo de Investigación GIS-T IDEGA e profesor de Xeografía Humana da USC.

A nosa gratitude ao profesor Ferrás polo tempo, a profesionalidade e a deferencia no trato. 




Cre vostede que as administracións deberían prestar máis atención ao problema demográfico? De que maneira?
Por suposto que si pois do contrario o futuro de Galicia está en entredito debido ao avellentamento e á emigración dos xóvenes. Requirimos políticas avanzadas centradas na definición dun novo modelo de desenvolvemento económico sostible, coa definición de cales son as oportunidades de emprego para os xóvenes galegos, cales son as actividades económicas básicas e onde están os mercados para os nosos produtos. Non podemos pensar en Galicia como un lugar dependente de subsidios a xeito de grande xeriátrico.

Pode ser o agro unha saída laboral rendible para as persoas novas?
Evidentemente pero doutra maneira. Cun novo modelo sostible orientado á calidade e a diversidade da produción de alimentos. A agricultura ecolóxica é unha grande oportunidade. Hai que recuperar a marabillosa horta galega, as froitas de tempada, a tradición das pequenas queixerías, o viño de autor exclusivo, etc. Pero precisamos xóvenes capaces de abrir mercados no exterior, que falen idiomas, que organicen loxísticas, que deseñen produtos, especialistas en marketing online, etc. Necesitamos novas políticas para novos tempos.

Considera que os galegos non vemos todas as oportunidades que ofrece o noso campo?
Non as ven os nosos dirixentes. Precisamos planificar a medio e longo prazo e unha maior participación cidadá na política. Precisamos un proxecto renovado e innovador para o campo galego; hai que superar a obsesión cos eucaliptos e o leite e desmitificar a carga negativa do minifundio. A agricultura de precisión, intensiva, sostible e familiar sobre o minifundio resulta estratéxica para o desenvolvemento de Galicia. Os galegos e galegas somos produtores de alimentos de altísima calidade moi valorados nos mercados internacionais e en toda España; pero parece que non queremos producir alimentos?

Como pode axudar o galego medio ao desenvolvemento e á rendibilidade do agro?
Como consumidor responsable capaz de valorar as calidades do noso produto. Pero para isto temos ter ser capaces de asegurar canles de comercialización avanzados, con produtos atractivos e de calidade.  Pero ademais nas maos do galego medio está a súa participación cidadá nos movementos sociais, culturais e políticos capaces de promover a transformación de Galicia.

Cal cre que o futuro do campo en Galicia?
Pois se non acontece un cambio nas políticas rurais todo apunta a un progresivo avellentamento, coa desaparición de miles de aldeas e parroquias, co abandono do labradío e a multiplicación dos eucaliptos, e cunha grande concentración da produción de leite nuns poucos centos de grandes granxas industriais.

Neste momento estamos a sufrir unha nova crise do leite, cal considera que é a orixe do problema e cal a solución?
A falla de planificación e organización; copiamos e xestionamos modelos industriais cando estes xa foron superados noutros lugares de Europa e do Mundo. Non temos un modelo sostible que asegure o futuro e diversificación produtiva. Se maltrata a agricultura familiar e se potencia a agricultura industrial. Necesitamos innovación, facer as cousas doutro xeito, establecer conexións entre os sistemas de formación e os de produción. Necesitamos cambios estratéxicos nas políticas.

Que é o que fai nacer Galicia Auténtica e Granxa Familiar?
Son proxestos de I+D+i da Universidade de Santiago; como se pode ver en www.granxafamiliar.com e www.galiciaautentica.org son plataformas web que tratan de impulsar a innovación e novas formas de producir e comercializar alimentos con orixe nas granxas familiares galegas, amais de experimentar cos mercados de turismo alternativo para Galicia. Nacen como proxectos estratéxicos para promover a innovación no medio rural galego.

Vostede di que Galicia Auténtica ensina a verdadeira realidade do rural galego, cre vostede que o turismo está moi polarizado entre as rías e o camiño?
Os datos oficiais din que chegan a Galicia 5 millóns de turistas/ano. Pois non podemos permitir que tan só pernocten 1'6 noites; temos que conseguir que dito fluxo turístico se interese pola nosa cultura, música, paisaxes, gastronomía, etc e se mova por itinerarios e rutas que beneficien a todo o país. Galicia é moito máis que a Catedral de Santiago, as mariscadas e as Rías Baixas.  Precisamos innovación en todas as frontes.

Que ofrece este proxecto turístico que non poidan ofrecer outros negocios de turismo en Galicia?
www.galiciaautentica.org non é un negocio pero podería selo. É un museo etnográfico virtual orientado ao turismo alternativo para promover a descentralización dos fluxos turísticos fóra de Santiago de Compostela. Vai dirixido a un turista alternativo, crítico que gusta de coñecer e cultura galega e toda a súa extensión, o contacto coa xente, coas paisaxes,... doutro xeito, pensando en poder comprender Galicia en todas súa extensión.

Ten algún outro proxecto en mente ou en marcha?
Pois estamos traballando con Greenpeace para promover dietas saudables, ecolóxicas nos restaurantes universitarios da USC. Co fin de promover o desenvolvemento sostible, a saúde pública e o comercio xusto entre as granxas familiares galegas e os universitarios.

Cristian Morandeira Gómez, 3º ESO




No hay comentarios:

Publicar un comentario