Borxa González Tenreiro e o autor do artigo gañador do XII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2016.
Non por
min; por eles
Levo unha década
traballando de tradutor. Formeime no Reino Unido, onde vivín tres anos, iniciando
un hábito que non deixei desde entón: comezar o día con, polo menos a
intención, de ler vinte páxinas dun libro en galego, vinte páxinas dun libro en
inglés, vinte páxinas dun libro en portugués e vinte páxinas dun libro en
español. Despois mudeime a España, para traballar de xornalista bilingüe
inglés-español nunha empresa malagueña. Transcorrido outro ciclo de tres anos
fundei unha axencia de tradución en Galiza. Actualmente desprázome entre Galiza
e Portugal, sendo Lisboa a miña segunda residencia.
Con estes
referentes, acho que non será ousado dicir que me defendo medianamente ben en
catro linguas e que podo comentar, ademais, tres cousas sobre a súa
aprendizaxe.
A primeira: cantas
máis linguas sabe unha persoa máis fácil lle resulta aprender a seguinte. Así é
máis sinxelo memorizar as palabras inglesas “date” ou “success” se un coñece os
seus equivalentes galegos “data” e “suceso”; e pronunciar “show”ou “shoes” se
se utilizan con normalidade termos como toxo ou xuíz. Consecuentemente, un neno
que saiba falar galego e español terá máis facilidades á hora de aprender o
inglés que un neno que saiba falar só español. Por suposto, aínda mellor se o
neno fala con normalidade galego, español e portugués.
Segunda. Canto
maior é a semellanza entre a lingua que se sabe e a que se tenta aprender, máis
fácil resulta a aprendizaxe. A dedución inversa, enlazándoa coa primeira cousa:
é absurdo querer aprender ruso sen aprender antes galego ou portugués. E aínda
máis absurdo resulta ver todo un sistema educativo obsesionado con que unha
nena galega fale inglés antes de alfabetizala correctamente na lingua propia.
Absurdo, que non raro nun país tan lonxe de ser normal.
Terceira. A lingua
entra polo ouvido e os ollos e cuspe pola boca. Se non se escoita, se le e se fala
con frecuencia acábase por esquecer ou nunca se aprende. Shakespeare e
Cervantes poden descansar tranquilos –ósos aparte–, moreas e moreas de
vocábulos en español e inglés, a viva voz ou en imaxe impresa, son absorbidas
polos nosos meniños a través da televisión, os libros, os xogos, os soportes
informáticos e a Internet, onde o 99% dos contidos de interese (isto é, de
moda) se atopan nestes dous idiomas. Non estaría, pois, de máis esixir que a
educación regulamentada compensase este pavoroso desequilibrio cunha inmersión
case total en galego, con espazos marxinais para o español, inglés e portugués,
desde o primeiro momento da escolarización. Que pai non ficaría babando ao ver
falar a súa filla estes catro idiomas á idade de dez anos? Golpe de realidade:
a perspectiva dos lexisladores da Educación galega está moi afastada,
probabelmente con razón, da deste humilde tradutor de galego, español,
portugués e inglés.
Con todo, para os
pais máis realistas e entregados, aqueles que pasan horas e horas axudando ás
súas crianzas coas matemáticas ou os ditados, tamén lles presento unha
alternativa activa que, até certo punto, compensa a pasividade do poder
público: falar galego.
Non teño fillos,
mais se os tivese de seguro faría o indicíbel para non lles privar de ningún
coñecemento, e aínda menos da creación cultural máis importante do noso xenio
colectivo. E nisto si que me poden crer: non é necesario ser tradutor para
falar galego con eles.
No hay comentarios:
Publicar un comentario