20 mar 2016

Un documental sobre as irmás De la Vega, primeiras licenciadas en Galicia




















Estas pioneiras conseguiron ingresar en 1913 na Facultade de Medicina de Santiago. 
A Fundación TIC sumouse aos actos organizados polo Concello de Lugo con motivo do Día Internacional da Muller coa presentación dun documental sobre a vida e traxectoria das irmás Jimena e Elisa Fernández de la Vega Lombán, as primeiras mulleres que se licenciaron en Galicia. Este traballo elaborouse en colaboración co IES Lucus Augusti de Lugo, o instituto no que as irmás estudaron o bacharelato por libre. 
O patrón da TIC, Álvaro Santos, subliñou que “é o primeiro documento audiovisual que existe sobre estas pioneiras, dúas mulleres excepcionais, loitadoras, apaixonadas e comprometidas, que abriron o camiño á muller na universidade e no campo científico”. 
Jimena e Elisa Fernández de la Vega Lombán, irmás xemelgas nacidas na localidade asturiana de Vegadeo, e que estiveron moi vinculadas as súas raíces en Lugo, ingresaron na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela en 1913, tres anos despois da aprobación do Real Decreto do 8 de marzo que permitía o acceso da muller á universidade. Pese a ser discriminadas por ser mulleres, obtiveron os mellores expedientes da súa promoción e a ámbalas dúas foilles outorgada a Cruz de Alfonso XIII. Con posterioridade, as irmás fixeron grandes achegas á ciencia en España e Europa, en especial Jimena, que traballou con prestixiosos da época como Gregorio Marañón ou Nóvoa Santos. A pesar dos seus logros, recibiron un recoñecemento tardío na historia, xa que non é ata o ano 1996, cando a Xunta de Galicia e a USC dedican ás irmás un «Vítor», o primeiro da institución galega ata o momento, referido a unha muller.

Le a nova completa en GCiencia (O Portal da Ciencia Galega).

No hay comentarios:

Publicar un comentario