4 mar 2016

Talía Teatro estrea Foucellas


Facer un alto en época de exames para ir ao teatro sempre é unha boa opción. Esta fin de semana Talía Teatro estrea no Rosalía de Castro da Coruña unha obra que os curtienses non podemos deixar de ver: Foucellas. 

Dosier da obra

Do personaxe histórico, deixábanos Uxia Iglesias Reviejo unha recensión na axenda escolar do curso pasado. Dicíanos o seguinte: 



BENIGNO ANDRADE ”O FOUCELLAS” 1908 – 1952

O Foucellas, nado en Cabrui, no concello de Mesía, foi un dos guerrilleiros anti-franquistas máis importantes da contorna. Estudou na escola da localidade e dende moi novo traballou no campo, nunha leitaría e nas minas de carbón de Fabero, no Bierzo.

Cos seus 22 anos, participou na fundación da célula comunista de Curtis e no 1936, tralo  levantamento militar que orixina a Guerra Civil, diríxese, xunto con outros moitos guerrilleiros, cara á Coruña en apoio das forzas leais á República, mais cando chegan, a cidade xa está tomada polos nacionais, polo que decide botarse ao monte para salvar a súa vida da dura represión franquista. Durante a loita, forma parte da IV Agrupación Guerrilleira de Galiza.

No ano 1945 o Foucellas férese involuntariamente e non se incorporará á loita armada ata o 1947, ano no que matan ao tamén guerrilleiro Manuel Ponte, un dos máis activos do país. Un ano máis tarde, son executados Seoane e Gómez Gayoso e estas mortes tradúcense nunha diminución da actividade do Foucellas. No entanto, para as autoridades franquistas a súa captura converterase nalgo obsesivo.

No 1952, a Garda Civil detén ao mesiense en Oza dos Ríos, onde permanecía agochado nunha cova-refuxio, xúlgano sumariamente e execútano a garrote vil no cárcere da Coruña. Os seus restos repousan nunha foxa común da cidade.

Uxía Iglesias Reviejo, 2º Bacharelato






No hay comentarios:

Publicar un comentario