12 mar 2016

O alumnado do IES Ponte Caldelas recolle sinaturas para que o ensino inclúa as mulleres en todos os campos de coñecemento


Através da plataforma Change.org o estudantado do IES Ponte Caldelas está a desenvolver unha campaña de recollida de sinaturas coa que reclaman á Consellaría de Educación introducir a Historia do Feminismo no currículo escolar, así como as mulleres en todos os campos de coñecemento.
Le a nova en Sermos Galiza. 


Eu xa asinei a petición, e ti? 

Carta que o alumnado envía á Consellería de Educación: 

A Historia, a Filosofía, a Ciencia que se nos aprende no ensino obrigatorio é a dos varóns e faise extensiva ao relato da Humanidade. Autores, citas, imaxes, mapas conceptuais, feitos históricos, sempre aluden ao home como representante da nosa especie, desde o primeiro gráfico da evolución da Humanidade, nos libros de Ciencias Sociais de Primaria, ata as materias máis específicas que se cursan no nivel de Bacharelato. Nós sabemos que isto non é así: as mulleres sempre contribuíron ao progreso das ideas, das ciencias, da tecnoloxía e as artes en todas as épocas. Pero cando rematamos o noso período de ensino obrigatorio – e son 10 anos de formación- seguimos descoñecendo os seus nomes e as súas achegas.

Consideramos, por tanto, que existe  un grave desleixo na revisión dos programas académicos do ensino.  Agóchasenos a metade da Historia da Humanidade, tanto da que xa pasou, como da que está a suceder agora mesmo. Só se renovan algunhas imaxes nos libros de texto, pero o discurso non muda. Secuéstrasenos parte fundamental do coñecemento da nosa especie, o que contribúe a que nos formemos nunha escala de valores que nos fai inexorablemente machistas. E temos dereito a que se nos eduque na igualdade de xénero pero tamén na equidade de información.


Por iso, solicitamos con esta petición, que se inclúa obrigatoriamente, no ensino obrigatorio a Historia do Feminismo e a Muller en todos os campos de coñecemento. Queremos acceder a unha formación académica e intelectual acorde co retrato integral da nosa especie, no que mulleres e homes aparezan no mesmo plano de importancia.  Queremos que os nosos estudos nos procuren formación e instrumentos para construír e vivir nunha sociedade máis igualitaria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario