21 mar 2016

Concurso literario "Carlos Casares", convocado pola Asociación Cultural O Facho


Recuperados en 2008 os premios literarios que desde os anos sesenta convocou O FACHO e nos que participaron ou gañaron moitos dos escritores e escritoras que hoxe fan posíbel coa súa obra unha literatura galega de calidade e de grande importancia nas letras universais, faise a convocatoria para 2016 do Concurso Literario Carlos Casares e en afectuosa homenaxe ao primeiro gañador do Certame de Literatura Infantil no ano 1968 coa súa fermosa obra “A galiña azul” que acadaría a honra de ter sido o fito fundacional da ben vizosa Literatura Infantil e Xuvenil Galega contemporánea.




BASES DO CONCURSO:

  1. Poderán participar rapaces e rapazas que presenten as súas obras en lingua galega. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos en toda a súa extensión.

  1. O prazo de admisión de orixinais finaliza o día 15 de abril de 2016 ás doce da noite.

  1. A presentación de orixinais para o Concurso farase por correo postal dirixido á Asociación Cultural O FACHO. Oficina Principal de Correos, Apartado nº 46 A Coruña. Podendo facerse individualmente ou por medio do centro onde curse os seus estudos.

  1. No caso en que sexan os centros escolares os que presenten os orixinais ao Concurso, deberán facer unha preselección dun máximo de dous traballos por categoría, calquera outro terá que ser presentado individualmente.

  1. As obras haberán de ser relatos orixinais e non estaren editados por ningún procedemento impreso ou electrónico, nin teren sido premiados en calquera outro concurso ou certame literario e en condicións para que os seus dereitos de publicación poidan ser cedidos á Agrupación Cultural O FACHO por período de tres anos contados a partir do día do fallo do xurado.

  1. Para alén da orixinalidade literaria, o xurado valorizará a riqueza lingüística e o coñecemento gramatical reflectido nas obras.

  1. Establécense dúas categorías:

Categoría A Nenos e nenas de 6 a 12 anos.
Categoría B Rapaces e rapazas de 13 a 16 anos.

  1. As contías dos premios serán as que seguen:

Categoría A 200€ en efectivo e unha valiosa escolma de obras literarias

100€ en efectivo e unha valiosa escolma de obras literarias
Categoría B 200€ en efectivo e unha valiosa escolma de obras literarias

100€ en efectivo e unha valiosa escolma de obras literarias

  1. Cada autor só poderá presentar unha obra aténdose aos seguintes límites de extensión:
Categoría A Un máximo de cinco folios
Categoría B Un máximo de dez folios


  1. As obras haberán de se presentar por triplicado, manuscritas ou mecanografadas, encadernadas ou grampadas e levarán por detrás do último folio os seguintes datos:
                 - Nome e apelidos do autor/a. Enderezo e teléfono. Correo                                   electrónico .
                 - Centro onde cursa os seus estudos.
                 - Categoría na que participa.

11. Os premios serán escollidos por un xurado nomeado pola Asociación          Cultural O FACHO en fallo que se fará público no mes de maio.

12. O xurado poderá declarar deserto un ou varios dos premios do concurso e será o que deberá resolver aquelas situacións que se presenten e que non estean contempladas nestas bases, así como as dúbidas na súa interpretación.

13. A participación neste Concurso implica a aceptación das presentes bases

                                                                         A Coruña, xaneiro de 2016

                               Correo electrónico: o_facho_1963@yahoo.com.br

                                                     Siguenos en FACEBOOK, Agrupación cultural O Facho

No hay comentarios:

Publicar un comentario