25 feb 2016

Son curtas: Nouturnio de Celanova

Mencía Corral, de 4º ESO, recoméndanos esta semana unha peza ben interesante, baseada no poema de Curros.

Título: Nouturnio de Celanova
Director: Raúl García
Produtor: AGADIC
Ano: 2009
Sinopse:
A curtametraxe representa o poema "Nouturnio” do escritor galego Manuel Curros Enríquez.
Conta a historia dun vello que, tras quedar viúvo, sen casa e sen nada, vese obrigado a fuxir. Comeza unha nova vida rodeada de tristeza e escuridade. No camiño atopa un compañeiro que lle canta cada noite, mentres el clama por unha xustiza que non lle ofrecen os ceos nin a terra.



Podes ver o vídeo completo no Soportal do Audiovisual Galego



Da aldea lonxana fumegan as tellas;

detrás dos petoutos vai póndose o sol;

retornan prós eidos coa noite as ovellas

triscando nas beiras o céspede mol.

Un vello, arrimado nun pau de sanguiño,

o monte atravesa de cara ó pinar.

Vai canso; unha pedra topou no camiño

e nela sentouse pra folgos tomar.

- ¡Ai! dixo, ¡que triste,

que triste que estou! -

I on sapo que oía

repuxo:-¡Cro, cro!

¡As ánemas tocan!... Tal noite com’ esta

queimóuseme a casa, morreume a muller;

ardeume a xugada na corte i a besta,

na terra a semente botouse a perder.

Vendín pros trabucos bacelos e hortas

e vou polo mundo de entón a pedir;

mais cando non topo pecháda-las portas,

os cas sáienme a elas e fanme fuxir.

Canta, sapo, canta:

ti i ei ¡somos dous!...

I o sapo, choroso,

cantaba: -¡Cro, cro!

Soliños estamos antrambos na terra,

mais nela un buraco ti alcontras i eu non;

a ti non te morden os ventos da serra

i a min as entranas i os ósos me ron.

Ti, nado nos montes, nos montes esperas,

decote cantando, teu térmeno ver;

eu, nado entre os homes, dormento entre as feras,

e morte non acho, si quero morrer.

Xa tocan... Recemos,

¡que dicen que hai Dios!...

El reza i o sapo

cantaba: -¡Cro, cro!

A noite cerraba, i o raio da lúa

nas lívidas cumes comenza a brilar;

curisco que tolle nos álbores brúa

i escóitase ó lexos o lobo ouvear.

O probe do vello, cos anos cangado,

erguese da pedra i o pau recadou;

virou para os ceos o puño pechado

e cara ós touzales rosmando marchou...

Cos ollos seguíndoo

na escura extensión,

o sapo quedouse

cantando: -¡Cro, cro!

E aquí podemos escoitar o poema de Curros na voz de Pucho Boedo e os Tamara


No hay comentarios:

Publicar un comentario