2 feb 2016

A Quinta de Saler: os seus lectores e lectoras opinan

A quinta de Saler
Antón Riveiro Coello
Editorial Galaxia, 1999

O afamado autor Antón Riveiro Coello creou esta obra a modo de experimento, no cal un editor contrata a dous escritores que tratan de crear unha novela en conxunto sen  coñecer cada un a identidade do outro, que é descrita no propio libro como unha partida de xadrez, ao efectuar cada un o seu movemento esperando a quenda que lle corresponde.

O editor, Manuel Mouteira, actúa como coordinador no proxecto entre Helena Otero e Bieito Pereira, pero tamén se presentan os acontecementos da súa vida privada, desde a súa profunda adición ao tabaco, que lle provoca unha enfermidade, ata a historia de amor que vive con Helena Otero cando esta vai vivir á casa de turismo rural que pertence á familia de Manuel.

Esta casa, á que se lle deu o nome de “a quinta de Saler”, atópase no Couto Mixto, un territorio situado entre dous concellos do sur da provincia de Ourense, no límite con Portugal. A historia que encerra esta zona remóntase décadas atrás, cando un antepasado de Manuel chamado Toribio Mouteira mercou parte destas terras e decidiu establecer un réxime comunal non pertencente aos reinos de España nin de Portugal, e que foi apoiado por gran parte da veciñanza. Os habitantes do Couto estaban exentos de impostos e tiñan liberdade de cultivos e de comercio, entre outros privilexios. É arredor desta historia onde se sitúa a trama da novela que escriben entre Bieito e Helena, para o que teñen que consultar información aos veciños de máis idade da zona, co que tamén eles descobren os lazos que unen unhas e outras partes dun mesmo relato que garda diversos puntos de vista entre os seus narradores.

Como marco externo de todos estes sucesos, atopámonos cunha declaración nun xulgado que, durante gran parte da obra, non relacionamos de ningunha maneira co resto do libro, pero que finalmente axuda a comprender e a darlle un sentido completo á novela escrita por Riveiro Coello.

Por todo isto, A quinta de Saler é unha obra na que atopamos unha sucesión de feitos e de relatos na que todos gardan unha relación entre si, e é aí onde reside o mérito do autor, tanto polo feito de narrar unha historia dende o punto conflitivo de ser escrita entre dous autores, tendo cada un deles a súa maneira de ver o relato, como tamén por mesturalo cunha historia real como é a do Couto Mixto, que sen dúbida lle achega ao libro un toque interesante para conseguir que o lector goce da experiencia de mergullarse nesta novela.

  
Diego Rivadulla Sánchez, 1º Bach. A

A Quinta de Saler é unha obra na que Antón Riveiro Coello mostra un dominio extraordinario da linguaxe literaria e das técnicas narrativas. É unha novela moi interesante na cal se narran tres historias relacionadas entre si, que se van intercalando.

O libro comeza narrando a historia de Manuel, un editor, que coa axuda de Laura, contrata a dous escritores para realizar unha tarefa. Bieito e Helena non se coñecen entre eles, e mentres semellan estar a xogar unha partida de xadrez, teñen que escribir unha novela sobre o Couto Mixto. Polo tanto, cada capítulo correspóndese cun movemento que cada un fai cunha ficha do taboleiro. A historia narrada nesa novela, sobre a especie de comunismo que Toribio Mouteira intentou instaurar no antigo Couto Mixto, constitúe a segunda historia. Pero ademais disto, cada varios capítulos intercálanse as declaracións dunha serie de persoas. Isto débese a que un policía se apropiou indebidamente destes relatos, despois de que Manuel, Helena e Bieito faleceran nun accidente de coche.

A escolla deste libro pareceume moi boa, non só polas historias que se relatan nel e que fan que te enganches e queiras saber que pasará no seguinte capítulo e como rematará a obra, senón porque a súa estrutura é moi orixinal. A maioría dos libros, teñen unha estrutura lineal e ás veces ata poden aburrir, pero neste caso non é así xa que como intercala tres historias, é mais entretido. Por último, non hai que esquecerse de que a súa lectura precisa unha concentración extra debido a que os personaxes das dúas historias son moi diversos, e isto pode causar confusión entre eles.

Tamara Cao López. 1º de Bach. A

Unha partida de xadrez, testemuños, unha historia dentro doutra, recortes de xornais... unha complexa trama que nos fará poñer en marcha o arrevesado mecanismo que nos fai persoas para comprender toda a información que Antón Riveiro Coello relaciona para crear A quinta de Saler.
No maxín dun editor chamado Manuel Mouteira xorde a idea de encomendarlles a dous escritores unha orixinal tarefa literaria: a escrita dunha novela a dúas mans que titula os seus capítulos con xogadas de xadrez.
Helena e Bieito recollen a historia de Toribio Mouteira, que tras atopar un valioso tesouro vai na busca do seu fillo e da súa muller para levalos vivir a unha quinta na aldea de Meaus , no Couto Mixto, onde trata de instaurar un réxime comunista.
Conforme imos avanzando na lectura o labor complícasenos, facéndonos estar cada vez máis atentos a posibles pormenores que nos servirán para rematar comprendendo a trama ao completo, como as datas dos recortes de xornal que o autor introduce.
Resúltame moi interesante o feito de que a trama cobre sentido grazas ás noticias ás que se fai mención, das cales unha delas nos explica o xaque mate dunha das historias e as demais nos fan entender o significado dos testemuños que aparecen cada certos capítulos.
A complicación da que está dotada a obra é tal, que Riveiro Coello  conseguiu inmiscirme nas súas palabras como poucos fixeron nunca.
Recoméndolle esta obra a calquera que goce con retorcidas tramas fartas dunha importante cantidade de personaxes, todos eles importantes e autores de feitos relevantes no transcurso da acción.
Tamén á xente á que lle guste a historia, xa que a obra aproxímanos á República Independente que existía na zona raiana  alá entre os séculos X e XIX. Refírome ao Couto Mixto.
Alicia Seoane Freire. 1º BAC. A



O escritor de A Quinta de Saler, Antón Riveiro Coello, é un representante coñecido da narrativa en lingua galega. Destaca polas súas producións como As rulas de Bakunin (2000) que foi traducida a varios idiomas (portugués, castelán, italiano), Sempre en galego (2007) e Laura no deserto (2011).
Nesta obra, A Quinta de Saler, o autor cóntanos varias historias pero todas elas están relacionadas. Sitúanse en diferentes épocas pero baixo un mesmo plano xeográfico: a quinta.  
Nunha delas, Manuel é o protagonista, un editor de novelas. Este contrata a dous escritores, Helena e Bieito, para que relaten unha novela entre ambos simulando unha partida de xadrez, na cal, xunto cos movementos realizados por cada un, irán achegando cadanseu capítulo dun relato.
Mediante o pretexto deste xogo de mesa, desencadéase o outro plano. Ambientado na raia galego-portuguesa do século XIX. Toribio Mouteira, nado no seo dunha familia sobranceira, que por certas circunstancias e coa súa chegada a Meaus, propicia o Couto Mixto, unha comunidade con ideoloxía marxista impulsada por este, polo que foi destacado, recoñecido e perseguido.
Ademais, cada tres capítulos desta obra, aparecen uns fragmentos dunha sentenza. Xa dende o comezo, o autor anticipa o final mais, o lector ten que chegar ata o final para poder comprendela. É unha continuación da historia principal. Trala morte dos/as personaxes por un accidente de tráfico, cúlpase a un individuo por plaxio e de tomar posesión daquela obra feita por eles.
É un libro recomendable, xa que emprega unha estrutura diferente para organizar unha obra que provoca atracción por parte do lector para rematala; preséntanse as diferentes historias de xeito que se enlazan co propio relato, creando interese e curiosidade, algo que me sorprendeu e me animou a continuar.  
Marta García. 1º Bach. A

A Quinta de Saler, unha novela escrita por Antón Riveiro Coello finalista do Premio de narrativa Torrente Ballester de 1998, conta a historia de Manuel, un coñecido editor, que decide crear unha novela enfrontado a dous autores, como nunha partida de xadrez;  é dicir, por quendas, escribindo os capítulos de forma alterna e sen coñecer quen será o outro escritor. Os dous autores, Helena e Bieito, recibirían 5 millóns de euros de completaren o traballo. Ambos aceptan.

Bieito decide traballar dende a súa casa, imaxinando quen pode ser o seu rival, mentres que Helena pídelle a Manuel que lle prepare un  cuarto no pazo para escribir dende alí e informarse, pois o tema era sobre un antepasado do editor , Toribio Mouteira, que mercara o pazo e creara un réxime de igualdade na vila.

Tras un tempo, coa obra a piques de rematar e con Helena e Manuel namorados tras un episodio na biblioteca da Quinta, Bieito solicítalle un lugar para aloxarse na zona para rematar o libro alí e para tratar de coñecer as opinións da xente sobre o antepasado de Manuel. Este dálle aloxamento nunha aldea próxima, tratando de evitar que os ‘contrincantes’ se vexan. Bieito remata a súa parte e Helena tamén, cunha aparición de Manuel no medio. Todos deciden ir verse, mais un accidente impedirá que vexan cumpridos os seus desexos.

Ademais, Riveiro Coello inclúe extractos dun suposto xuízo sobre unha persoa que supostamente roubara a historia tras o terrible accidente, que finalmente sae como inocente.

A min a obra pareceume realmente interesante, pois conta tres historias á vez: a do atrevido editor ao que lle gusta o risco, incluíndo nas súas páxinas todo tipo de situacións, dende unha escena de amor ata unha de morte, a historia de Toribio Mouteira e o seu paso polo Couto Mixto e a declaración do xuízo. Por todo isto rematei a súa lectura satisfeito tras ler unha historia que profundiza na mente e nas ideas dun editor e achega ideas para facer novas novelas.

Pedro Liñeira Rey. 1º Bach. A

A quinta de Saler presenta unha estrutura que pretende manter enganchado ao lector. O seu autor, Antón Riveiro Coello, cóntanos tres historias simultáneas, unha das cales semella unha partida de xadrez. Son historias moi diferentes que ao final cobran sentido e encaixan como se dunha soa se tratase. Por unha parte sábese sobre o xuízo dun acidente que discorre ao longo da obra, facendo coñecer os protagonistas das outras historias.

Manuel, un editor, contrata dous escritores, Helena e Bieito, para que escriban entre eles, pero sen coñecerse, unha novela sobre un home que intentou instaurar un sistema político semellante ao comunismo no Couto Mixto. Este antigo território está situado no sur de Ourense e, entre outras moitas particularidades, os seus habitantes poden elixir ser de nacionalidade española ou portuguesa.

Para construír a súa historia, Helena vai pasar uns días a Meaus onde vai atopar un lote de información para o seu traballo e onde vai encontrar a inspiración que necesita.  Entre ela e Bieito tecen a historia de Toribio Mouteira e da creación do Couto Mixto.

Así, devagar, vaise construíndo unha historia ben interesante, que te mantén con intriga dende o principio, e cun final, quizais, algo inesperado. Unha obra que recomendo para pasar un bo momento e tamén para aprender sobre a nosa historia.

Andrea Seoane Vázquez. 1º Bach. A



Antón Riveiro Coello, finalista do Premio de Narrativa Torrente Ballester en 1998 grazas ao libro “A Quinta de Saler”, Antón Riveiro Coello achéganos unha novela escrita cun perfecto dominio da linguaxe e das técnicas narrativas.


A súa estrutura é bastante complexa debido a que o autor mestura dúas historias completamente diferentes e, o testemuño dunha persoa que logrará ó remate da obra facer xustiza ante os tribunais.

O relato ambientase en diferentes lugares; entre eles os tribunais, a Quinta de Saler e o Couto Mixto. Tamén trata diversos temas como a morte, a xustiza, o amor e o comunismo entre outros.

Na novela cóntanos como Manuel Mouteira, un editor, contrata a dous escritores para escribir unha novela compartida sobre O Liberal de Saler, un home que intentou instaurar unha especie de comunismo no Antigo Couto Mixto. Os dous escritores non se coñecerían ata o remate, pero este final viuse truncado por un accidente de tráfico mortal entre o editor, os escritores e a parella de Bieito, Sabela. O libro nunca se publicaría, pero un home encontrouno e logrou que se fixera xustiza ante os tribunais e o libro saíra á luz, sempre e cando deixara constancia dos verdadeiros escritores do relato.

Pareceume unha novela interesante e misteriosa posto que nunca lera ningún libro semellante, cunha estrutura tan complexa e diferente. Ao principio non entendes o porqué dalgunhas cousas,  pero a medida que vas avanzando na lectura o teu punto de vista vai cambiando. Cando realmente pensas que xa entendiches o relato o final sorpréndete explicándoche o porqué daquelas letras en cursiva que para min non tiñan sentido.

Andrea Cabo Lamas. 1º bach. A

A Quinta de Saler foi publicada por primeira vez en 1999 e supuxo a dedicación literaria de Antón Riveiro Coello. Nesta obra cóntanos como Manuel decide contratar a dous escritores, Helena e Bieito, para que escriban unha obra simulando unha partida de xadrez. Estes non se coñecen e teñen que ir escribindo capítulos dese libro, de xeito que cada un deles é un movemento do xogo. A partida comezará a partir dun fragmento que ten escrito Manuel que se chama o Liberal de Saler.
Helena está a vivir na Quinta de Saler, que é da familia do editor, para así poder estar ben informada e poder contar na novela o que a ela lle van contando, historias como a do señor Secundino que tivo que aprender un libro de memoria para poder librarse da morte.
A historia vai pasando, Helena e Manuel namóranse, Bieito segue coa ilusión de que o contrincante sexa o seu gran ídolo Ferrín. Cando, por fin, toca coñecerse, Manuel dille a Bieito que vaia ata a Quinta para atoparse co seu opoñente literario. Este, entusiasmado polo encontro con Ferrín vai a toda velocidades pola estrada, ata que ocorre un fatídico accidente e colisiona con outro coche, causando a morte de tres dos catro ocupantes e ferido grave o único que sobrevive.
Paralelamente vanse contando outras dúas historias: un xuízo que só cobrará sentido ao final da obra, e a partida- novela que escriben Bieito e Helena. Esta última, ambientada no século XIX nárranos como era a vida naquela época na República Independente do Couto Mixto, de onde procedían os antepasados de Manuel.
Para o punto e final desta partida-novela, elixiron un final aberto, coa desaparición de Toribio Mouteira e Pedro de Segade, a norte de Mariña, o ingreso de Tonino no seminario e a morte de Florinda, nai de Sozinha.
Paréceme una obra recomendable xa que é entretida e interesante dende o punto de vista histórico. Tamén nos pode dar unha pequena lección de superación pola maneira de afrontar Manuel o seu medo a que o vulto que atopou sexa un cancro coma o que levou a seu pai á tumba. 

Paula Sánchez Merelas, 1°Bach A
 

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario