6 dic 2015

Ángel Carracedo: Hai que empregar o galego en divulgación; o único xeito de emocionar é usar a propia lingua

Dende Compostela, Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955) dirixe o laboratorio de investigación número 1 do mundo en Medicina Legal. Conta cun recoñecemento planetario como experto en xenómica, e segue a ser catedrático da Universidade de Santiago. Acumula premios internacionais e doutorados honoris causa. Pero case todas as semanas visita un instituto ou recibe a estudantes para achegarlles a súa paixón pola ciencia. É un científico e un home sinxelo, apaixonado da súa terra, que non abandonaría “por todos os cartos do mundo”, malia ter ofertas millonarias. E está preocupado co futuro da educación e coa divulgación. 

Na entrevista que lle realizaron en GCiencia  entre outras cousas, di: 


–Debe empregarse máis o galego en ciencia?
–Eu teño unha fortuna grandísima na miña vida que é que estudei por libre ata os 15 anos. En Santa Comba, só había ata ingreso, aos 10 anos. O resto o fixen pola miña conta, na casa. Examinábame por libre. Os exames eran en castelán. Pero a miña nai era de Valladolid e por iso teño un bilingüismo absoluto. Eu fago a miña divulgación en galego. O primeiro por chegar á xente. Un dos regalos mellores que me fixeron nunca foi un libro dos rapaces do instituto Alfredo Brañas de Carballo. Todos escribiron o que sentían. E cada frase era emocionante. E moitos dicían: “Sentímolo noso”. A única maneira de ter empatía e de emocionar é facelo na lingua na que eles sinten.

–Isto é totalmente compatible co que o estándar científico internacional sexa o inglés…
–Por suposto.Os artigos non teñen sentido en galego. Para que vas facer unha revista de xenética en galego? Para que a lean catro? Hai que publicar en inglés para que a lean todos. Tampouco podes publicar en Nature en castelán. Hai que publicar en Science e Nature. Ir a polas mellores revistas. Agora nós publicamos nelas regularmente, pero antes para Galicia iso era case unha milagre.Agora podemos secuenciar nun día un xenoma que levou facelo 12 anos.

–Pero si aposta polo galego na educación e na divulgación…
–É importante o galego na divulgación. Porque tamén creas linguaxe. Tes que elaborar neoloxismos para os novos termos que van aparecendo. E isto fai lingua. Se non queda a linguaxe pobre. Penso que non temos que ser estremos. E facer as cousas con sentido común. Tampouco ten moito sentido que, nunha reunión na que hai un inglés, non poidamos falar en inglés.

No hay comentarios:

Publicar un comentario