22 sept 2015

Letras galegas 2016



Porque parece que aínda hai algún despistado/a, deixamos a recensión feita por Andrea Boado de 2º bacharelato sobre o autor homenaxeado este ano. 
Eis o primeiro dun dos moitos traballos que, sen dúbida, sairán este curso das aulas para honrar a un poeta  comprometido coa súa terra e co seu tempo. 

MANUEL MARÍA
Manuel María Fernández Teixeiro nace en Outeiro de Rei en 1929 e morre na Coruña en 2004. Destacou polo seu compromiso político e o seu carácter combativo. Neste ano dedicaráselle o Día das Letras Galegas.

Comezou a escola en plena guerra civil española, logo preparou en Rábade o ingreso no Instituto cun mestre co que lía textos poéticos galegos, o que lle permitiu descubrir a nosa literatura. En 1942 inicia o Bacharelato no Instituto Masculino de Lugo, nesta cidade comezou a súa carreira literaria participando no ciclo de conferencias "Jóvenes valores lucenses" e entrando en contacto cos integrantes do faladoiro do café Méndez Núñez (Luis Pimentel, Ánxel Fole...) que o puxeron en contacto co mundo literario galego.

En 1950 publicou o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas, co que se inaugura a "Escola da Tebra". Catro anos despois gañou os Xogos Florais de Ourense e en 1958 instalouse en Monforte como Procurador dos Tribunais. Nos anos sesenta, participou na reorganización política, na clandestinidade, dos partidos nacionalistas, ao tempo que colaboraba con numerosas organizacións dedicadas á recuperación cultural. Tamén organizou a editorial Xistral. Sendo a poesía o seu xénero preferido, tentou coa narrativa, o ensaio e o teatro. Pasou dunha postura existencialista pesimista cara ao compromiso social e político. En 1970 foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega, nomeamento ao que renunciaría posteriormente.

A súa produción literaria é inmensa. Podemos destacar títulos como Terra Chá, Panxoliñas, Camiños de luz e sombra, no ámbito poético; Historias do empardecer ou Contos en cuarto crecente e outras prosas, no narrativo; e Abril de lume e ferro, no dramático.

ANDREA BOADO, 2º BACHARELATO
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario