21 mar 2015

Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro

O 26 de marzo, véspera do Día Mundial do Teatro, celébrase na Coruña a entrega dos XIX Premios María Casares. Supoñemos que a TVG, como vén sendo habitual, retransmitirá a gala a deshora.
Eis, o Manifesto Galego que Xurxo Borrazás lerá na gala. 
                  
  
Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro
Autor: Xurxo Borrazás

                               
      Ser ... basicamente, é ser outro.
      Desde cativos xogamos a ser trastes e a ser quen non somos, e no marco dese xogo xogamos outros xogos dramatizados, teatro dentro do teatro, coma se non houbese límites. Xogamos despois a construír o personaxe en escenas de familia, de amor, de revolta, de desamor... Buscamos papeis de adulto e disfrazámonos de adulto para resultar críbeis. Xogamos a ser traballadores, ou pais e nais, sen estar moi convencidos de que eses sexan
os papeis da nosa vida. Dicimos que a vida en parella é teatro, que a oficina é teatro, que unha voda, un xuízo, un discurso ou un funeral son teatro. Preguntámonos que facemos aquí e afirmamos que toda a vida é teatro...
      Quen lle dera!
      No teatro non se perde o norte. Na vida, quen máis quen menos cae no erro de tomarse en serio. E que ocorre cando alguén se toma demasiado en serio? Primeiro que os demais o toman a broma, segundo que o serio se radicaliza e tenta prohibir as bromas. E para non caer no ridículo de prohibir unicamente as que lle fan a el, ou ela, prohíbeas todas, a ver se así non se nota.
      No escenario máis extremo, nas dictaduras e as teocracias, prohíbese non só a escola, senón bailar e cantar, disfrazarse, a risa pública, a festa, a caricatura, e por suposto o teatro enteiro.
      Aquí non.
      Aquí somos civilizados e as autoridades non prohiben a festa, “sempre que sexa sá”, nin a protesta, “con tal que sexa construtiva”. Non se leva a ninguén ao cárcere por protestar, simplemente se lle mete unha multa de cabalo para que a próxima vez o pense dúas veces antes de dar un couce.
      Da mesma maneira non se persegue o teatro, só se adurmece ninguneando as iniciativas ou menosprezando as compañías, racaneando o acceso ás salas, arrombándoo nas programacións culturais, desecando os orzamentos para a formación e o teatro público, subindo impostos para que o prezo actúe de barreira, renunciando á promoción... Ao teatro non hai que cortarlle os pés senón darlle patadiñas nas canelas e regalarlle ás de chumbo para que non voe, obrigar a que cada representación se convirta nunha epopea de actores e actrices que ao tempo deben ser directores, produtores, representantes, iluminadores, músicos, transportistas, maquilladores, escenógrafos, xastres, cobradores... e por suposto ter un traballo aparte que os manteña. O obxectivo último é impedir que o espectáculo se normalice e poida converterse en medio de vida digno, atraente e non desilusionante para quen se apaixone por el.
      Aqueles que se toman en serio son sistemáticos. A mesma medicina aplícanllela á literatura, aos medios, mesmo á música... se é en galego, porque a nai de todos os obxectivos é conter a lingua galega como emblema da nosa cultura. Os serios non teñen nada contra o polbo á feira, a praia da Lanzada, o Pórtico da Gloria, o albariño de Cambados ou a romaría da Franqueira. Son os primeiros en chorar cando escoitan unha gaita. O que non aturan é a diferenza da lingua. De maneira que a representación de Galiza prefiren deixala en mans de Enrique Iglesias, David Meca, ou Marina Castaño.
      E aínda así no teatro seguimos adiante, escachamos coa risa e fervemos cada vez que se descorre o pano e o público aplaude.
      Que frío vai no mundo!
      Que ben se está no teatro!

No hay comentarios:

Publicar un comentario