7 jun 2016

O IES de Curtis rende homenaxe a Manuel María

O 20 de maio o IES de Curtis honrou a Manuel María nun acto fermoso protagonizado polo alumnado de 1º, 2º e 3º ESO. Del dános conta Olalla Corral na recensión que vén a seguir. Para os que non tivestes ocasión de asistir, iremos subindo nos próximos días mostras do traballo realizado polos vosos compañeiros e compañeiras.


O pasado venres 20 de maio para celebrar o Día das Letras Galegas o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO participou nun recital de poemas de Manuel María, autor homenaxeado neste ano.
 Os rapaces e rapazas que recitaron os poemas foron acompañados por outros compañeiros que lían un pequeño texto que introducía a temática das composicións. Algúns dos poemas que puidemos escoitar foron “Terra Chá”, “ Bando” ou “ A fala”.
Tamén tivemos a oportunidade de gozar da música galega cos alumnos da Escola de Canto e Baile de Teixeiro que cantaron varias cancións. Ademais Patricia Sánchez Seoane, cantareira e exalumna do IES de Curtis, veu visitarnos e proxectáronse dous vídeos onde ela, acompañada dunha alumna de 1º de ESO , interpretaba dous poemas musicados de Manuel María.
Para rematar a actividade puidemos ver tamén algúns dos videopoemas feitos polos rapaces e rapazas do noso centro baseados en composicións do autor homenaxeado. Como peche final do acto cantamos todos “ O carro”, a fermosa versión musicada polos cantantes MIni e Mero.
Foi unha actividade moi entretida na que participamos todos e que nos serviu para achegarnos un chisco máis á figura do poeta chairego.

                                                              Olalla Corral 3º ESO

No hay comentarios:

Publicar un comentario