29 feb 2016

MEMORIA VIVA: PALABRAS PARA O NOSO TEMPO

Imos participar nunha actividade que nos propón o Departamento de Orientación para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora. 
Prepara a cámara e: un, dous, tres, gravando!




8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

MEMORIA VIVA: PALABRAS PARA O NOSO TEMPO

Son moitas as mulleres que desexan que a súa historia non se esqueza. Propoñemos, para iso, a seguinte actividade:
  •  Na túa familia, no teu lugar, aldea ou concello, pensa nunha muller de máis de 70 anos que che poida contar como viviu a súa vida.
  •   Non buscamos grandes historias, senón historias persoais de mulleres que foron testemuñas dos grandes cambios que houbo no noso país no século XX. Podes formularlle as preguntas do cuestionario  que vén máis adiante ou aqueloutras que ti elixas.
  • Recolle as respostas do xeito que prefiras: gravándoas en vídeo, gravando só a voz ou escribíndoas en  papel.
  • Logo trae ao centro as túas achegas e entrégaas no Departamento de Orientación ou ao teu titor ou titora.
  •  Tamén podes engadir algunha fotografía que che pareza interesante sobre esta temática.
Realizarase unha exposición cos traballos e as fotografía recollidos; se hai algún en formato audiovisual, exporase nalgún recreo para que todos poidades velo.
Moitas grazas pola túa colaboración.

A ACTIVIDADE VAI DIRIXIDA A TODO O ALUMNADO DO CENTRO QUE QUEIRA PARTICIPAR

O obxectivo é reflexionar sobre o cambio do papel da muller ao longo do século pasado, e de como sufriron e padeceron moitas mulleres as inxustizas derivadas da desigualdade por razón de xénero.

CUESTIONARIO
1.    Cantos anos ten?
2.    Que lembra da súa infancia?
3.    A que se dedicaba a súa nai?
4.    E o seu pai?
5.    Que comía?
6.    Ía á escola? Estaban os nenos e as nenas todos xuntos?
7.    Que lembra da escola e dos seus mestres e mestras?
8.    Traballou fóra da casa algunha vez?
9.    Cando comezou a traballar?
10.  Tivo irmáns? Había diferenzas de trato por parte dos seus pais entre eles e vostede?
11. Casou e tivo fillos?
12.  Como foi o seu noivado?
13.  Puido continuar estudando o que quería ou tivo que quedar na casa?
14.  Como celebraban as festas os mozos e mozas da súa época?
15.  Que recorda da época da ditadura? Pensa que había menos liberdade que agora?
16.  Sentiuse discriminada algunha vez por ser muller?
17.  Que pensa da época actual?
18.  Cre que mellorou a situación da muller? En que aspectos?

No hay comentarios:

Publicar un comentario