8 ene 2016

A paz é o camiño

Alicia Seoane Freire, alumna de 1º bacharelato, aborda o problema do terrorismo islámico e afonda nas súas causas, achegándonos unha magnífica lección de cordura que cómpre divulgar. 

 



11 de setembro de 2001, New York: 3000 mortos, 9000 feridos. 11 de marzo de 2004, Madrid: 191 falecidos, máis de 1600 afectados. 7 de xullo de 2005, Londres. 7 de xaneiro de 2015, revista "Charlie Hebdo", Francia. 10 de outubro de 2015, Ankara. 31 de outubro de 2015, derribo do avión ruso con 224 pasaxeiros: sen sobreviventes. 13 de novembro de 2015, París: 130 vítimas, máis de 350 malferidos. 28 de novembro, Bamako, ataque contra a base da ONU [...]
Os grupos terroristas cometeron decenas de atentados que os occidentais traducimos por masacres maquinadas por mentes enfermas, pero: por que contra nós? Estamos facendo o correcto?
Por exemplo, remontémonos no tempo a 1916. Gran Bretaña e Francia queren rematar co Imperio otomano e saben que tan só poderán conseguilo dende dentro, co que os convencen para que, movidos polo desexo dunha Gran Arabia, lles axuden. Co obxectivo conseguido actúan en consecuencia do acordo Sykes Picot e reparten os territorios de Oriente Próximo. Europa móvese por intereses puramente económicos e políticos e non mostra ningún respecto polos territorios cos que trata.
Máis aínda. En 2003 unha coalición formada por EEUU, Reino Unido, Australia, España e Polonia invade Irak co falso pretexto da súa posesión de armas de destrución masiva. O verdadeiro desexo era irromper alí para rematar co réxime de Sadam Husein, ditador iraquí por aquel entón. Visto deste modo somos uns heroes, uns buscadores da xustiza, pero hai máis. Non debemos crer cegamente no que se nos conta. É lóxica tal pretensión estando as mesmas potencias hoxe en día aliadas con ditaduras semellantes? Por que Irak? A resposta é sinxela. Recursos que traducimos en diñeiro.
O ex-ministro británico Blair pensa agora que posiblemente a guerra de Irak foi unha das causas do ascenso do Estado Islámico. - Non se pode dicir que os que derrocamos a Sadam en 2003 non teñamos responsabilidade pola situación no 2015 – engadiu – aínda que non foi un erro derrocar a Sadam.
El mesmo repara no que comentamos anteriormente. Sadam non era o gobernador que unha nación pretende, pero os interventores non actuaron todo o ben que debían, fundamentalmente porque a motivación non era humanitaria, senón económica.
Atopámonos agora ante unha situación semellante. Siria pode estar sendo bombardeada mentres ti estás lendo isto tranquilamente. Pensa na cantidade de persoas que, "sen comelo nin bebelo", desgraciadamente naceron "no lugar equivocado". Coa desculpa de rematar co terrorismo do Estado Islámico, millóns de persoas vense afectadas. Se á indignación que deben de estar sufrindo sumamos a falta de cultura e o sometemento relixioso que padecen, podemos facernos unha idea da orixe de todos eses ataques  que acaban en catástrofe.
Pero non nos afastemos máis do tema... Se o que realmente pretendemos é acabar con ese tipo de réximes políticos, e sabemos que en consecuencia estamos causando danos persoais, deberiamos amparar aos que os sofren. Desafortunadamente, volvemos a non estar facendo o que nos corresponde. Os países europeos non se mostran moi dispostos á acollida de refuxiados sirios que foxen do horror e a barbarie; é máis, o propio ministro francés Manuel Valls asegurou que "non podemos aceptar máis refuxiados en Europa, iso non é posible". A cidadanía involucrouse integramente con París e pretenden deixar de lado aos sirios e non facer nada por eles, e encima bombardéanos? Paréceme sumamente inxusto. Onde están os Dereitos Humanos? Onde están as persoas humanas? Non é sequera suficiente a aparición nunha praia dun pequeno de 3 anos que afogou mentres tentaba buscar un mundo mellor que lle dera acubillo?
" Pensaron que coas súas balas nos calarían para sempre, pero fracasaron. Dese silencio xurdiron miles de voces. [...] Teño dereito á educación, [...] a que se escoite a miña voz". As palabras pronunciadas por Malala Yousafzai, premio Nobel da Paz 2012 poden axudarche a reflexionar. Termínase a guerra con guerra?
Debemos apoiar e axudar a aqueles que non poden solucionar os seus problemas de maneira autónoma pero non con armas e intereses económicos polo medio, senón con palabras e sen ánimo de lucro.
De acordo con Gandhi " Opóñome á violencia, porque cando parece causar o ben este só é temporal, o mal que causa é permanente" .
 Alicia Seoane Freire, novembro de 2015
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario