26 nov 2015

ES DE CIENCIAS OU DE LETRAS?

Grazas, máis unha vez, a Alicia Seoane Freire, autora desta entrada,  pola  colaboración e o bo facer. Tamén a Cristina Brión e Esther Nouche, profesoras de Arte e Matemáticas.


O pasado luns, 23 de novembroos alumnos e alumnas de bacharelato do IES de Curtis tivemos o enorme pracer de ter connosco a Pilar García Agra, boimortense licenciada en Matemáticas, hoxe mestra no IES nº 1 de Ordes, e membro da directiva de AGAPEMA (Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática).
Sabes que existe un número máxico que está presente nunha gran cantidade de elementos da natureza? O número áureo, número de ouro, ou “número do demo” como ela mesma o denominou, é a proporción que gardan entre si dous segmentos de rectas. 
Atópase na natureza, por exemplo na distribución dos pétalos das flores, no grosor das ramas secundarias en relación coas principais nunha árbore, na cantidade de espirais dunha piña, na distancia entre o embigo e a planta dos pés dunha persoa, na distancia entre as espirais dun caracol... pero tamén en figuras xeométricas, xa que en realidade a súa orixe é matemática. 
 
Ten relación coa estética, polo que ten tamén presenza na arte. Moitos arquitectos, pintores e escultores decidiron empregalo para a creación das súas obras dende a Antigüidade. Exemplos disto son as portas da Catedral de Santiago, a Pirámide de Keops, o Partenón, o Templo de Ceres, a Tumba Rupestre de Mira, a escaleira de Bramante, a Gioconda, O Nacemento de Venus, As Meninas...
No noso día a día está igual de presente. Tarxetas, carnés, algúns teléfonos móbiles...

 








Os famosos violíns Stradivarius están construídos con esas proporcións.

Pila, como a coñecen os seus achegados, falounos tamén da curiosa secuencia de Fibonacci e a súa relación co número áureo, e por último, dos fractais, que consisten en obxectos xeométricos cuxa unidade básica é semellante a el. Dise que a propia costa galega é un fractal.
 










Tamén podemos atopar fractais na tecnoloxía e na música electrónica. Eles son os que conseguen, por exemplo, que un vídeo ocupe moitísimo menos que unha simple foto. Incrible!

Grazas, Pila, pola túa amena, interesante e entretida intervención. Con ela conseguiches que, como mínimo, nos reformulemos a habitual división entre Ciencias e Letras. 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario