29 oct 2015

O Samaín


A estas alturas da película xa non fica (ou non debería ficar) nin ún só galego que coide que o “Halloween” é unha festa estranxeira, sen relazón algunha cos nosos costumes galegos máis tradicionais. Enténda-se, claro, por tradicional, non aquilo que foi imposto pola igrexa cristiá na nosa terra, senón polos máis antigos ritos ancestrais dos nosos devanceiros, os celtas.

Segundo as nosas vellas tradicións, as almas viñan á terra no “día de defuntos” con moi diversos fins. Por iso nuns lugares púñan-lles de comer, para que non pasasen fame; noutros botaban ese día un gran pao ao lume, para que quencesen no caso de teren frío; noutros era considerado pecado varrer pola noite a cociña porque se lles botaba para atrás, impedíndo-lles que se acheguen á lareira; e noutros ten-se por acción inhumana pechar de golpe as cancelas ou portelos, porque se mancaban.

Se se busca nos libros de etnoloxía polas celebracións que se fan en Galiza con ocasión do “día de defuntos” atoparemos unha serie de costumes ancestrais própias da nosa nación. Desde o deixar un óco na mesa ou racións de comida e/ou bebida para os defuntos até facer colares coas castañas novas. A pouco que se pregunte a persoas de máis de corenta anos de diferentes puntos da nosa xeografía (Noia, Catoira, Cedeira, Muxía, Sanxenxo, Quiroga…) lembrarán-nos que tamén era habitual polo día de Defuntos coller cabazas, tallar-lles unhas caras feroces, poñer-lles uns pauciños coma dentes e deixa-las nos camiños para arrepiar aos viandantes. Todo isto con ocasión da festa dos Defuntos, o dous de novembro. Este costume coincide co americano de Halloween e aínda co máis antigo celta do Samaín, no que eran os cránios dos inimigos os que brillaban na escuridade con candeas no seu interior.

En Galiza mesmo chéga-se a ver como a cabaza tallada séca-se e consérva-se para emprega-la como máscara no Entroido. A antiga festividade celta do Samaín foi descrita habitualmente como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, nesta data, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abrían-se as portas entre este mundo e o Alén, dándo-lle á xente a posibilidade de se reuniren cos seus antepasados mortos.

A festa do Samaín, a máis importante do período precristián, marcaba para os celtas o comezo dun novo ano. Nesa data prendían-se lumes sagrados frotando pólas de serbal e teixo, e con esta fogueira inicial alimentában-se as lareiras de todas as casas.

Polo Samain era costume baleirar nabos de grande tamaño – non foron cabazas até que chegaron de América – para poñer-lles dentro candeas. Nas Rías Baixas, os nenos xogaban tales días coma estes coas cabazas, facendo caras con elas, e poñéndo-lles pelo e bigotes con barbuxa de millo, antes de acender-lles velas. Varios séculos despois esta tradición, que se mantén aínda viva en Galiza, ten continuidade nas festas de Halloween, que exportaron aos Estados Unidos os irlandeses no século XIX.

Galiza e Irlanda, duas das cristiandades mais antigas de Europa, teñen grande cantidade de afinidades e paralelismos. Os seus respectivos nomes, orixinais Galiza e Gaeilge, semellan ter a mesma raiz celta “Gal”. É precisamente unha das lendas celtas, a que conta que Breoghan, o líder dos Gaels, unha das tribos celtas, fundou a cidade de Brigántia, actualmente A Coruña. Desde esta cidade, Itho, fillo de Breogan partiu rumo a unha illa que puido albiscar na lonxanía desde a torre de Breogán e chegou a Irlanda con algunha da sua xente.

Ainda que esta história se cria-se para impresionar aos leitores de fai mais de oito séculos, é indubidábel que as conexions entre Galiza e Irlanda remontan-se a épocas prehistóricas: castros, tuaths, mámoas, obxectos de adorno en forma de meia lua para levar no pescozo, un rico folclore con grandes semellanzas, con peregrinazóns internas a toda unha série de lugares sagrados dentro de cada país, unha economía de subsisténcia de carácter rural, unha vida mariñeira que comparte crenzas como a de que un mariñeiro non pode atopar a unha muller camiño do barco… Ambos povos conservaron unha língua e unha literatura de orixe celta, cuxo carácter oral lles permitiu manter lendas e tradicións mitolóxicas. Abondan as supersticións, contos de fadas e unha clara mistura entre o cristianismo e os costumes pagáns: culto á morte, almas en pena que voltan a este mundo (Santa Compaña, “The Wake”, “an caoine”) a noite de Sanxoán, continuidade da festa celta de Beltaine; o lume que afasta os malefícios, almas que pasan polas cinzas para curar os meigallos…

Os vencellos entre Galiza e Irlanda estreitan-se cando chegamos a Santiago de Compostela. A primeira asociación da que hai constanza provén do século XIII. En 1210, o arzobispo Henry de Dublin promulgou un decreto polo que se criaba un hospital para acoller aos pelegríns que, procedentes de diferentes lugares de Irlanda, esperaban a que as condicións climáticas fosen favorabeis para se embarcaren con rumo a Santiago, fin da sua peregrinaxe.

A outra grande conexión estabelece-se coa fuxida a Galiza de bispos e nobres irlandeses perseguidos no seu país durante a reforma protestante. A petición de patriotas irlandeses, o Papa nomeou arzobispo de Dublin a Frei Mateo de Oviedo. Grazas á sua mediación seguen saindo expedicións da Coruña e Ferrol seguídas da fuxida do pais de famílias nobres irlandesas. Frei Mateo regresou a Santiago e consta que en 1583 é superior do convento franciscano nesta cidade galega e profesor da sua Universidade.

Galiza, celta?

Dentro do mosaico de povos que vivian en Europa na Idade Antiga, os celtas son un dos que mais curiosidade e entusiasmo acordan. Pertencentes culturalmente ao mundo indoeuropeo, foron coñecidos principalmente pola sua mentalidade belicosa e indómita, o  idioma de seu, a sua arte e as suas ancestrais tradicións vencelladas á natureza e á sua visión do mundo.

Conquistadores e guerreiros, tradicionalmente pensa-se que proviñan de centro-Europa, ainda que teorías recentes prefiran outras orixes. No apoxeo da sua expansión a cultura céltica abranguía toda a parte ocidental e central de Europa, onde abraiaron a gregos e romanos. Hoxe en dia, mais de dous mil anos despois, o mundo celta sobrevive como minoría nos lugares mais ocidentais e isolados de Europa: Galiza, Irlanda, Escócia, Bretaña, Gales, Cornualles e a illa de Man.

Ainda que determinados historiadores españois neguen a presenza celta en Galiza (se cadra, os nosos devanceiros caíron das nubes!), o certo é que os historiadores contemporáneos de Roma descreberon abondosamente a presenza de tribos celtas na rexión norocidental da penínsua ibérica. O primeiro en testemuña-lo foi Rufo Festo Avieno co seu célebre A invasión dos Saefes, pero non foi o único: así Estrabón (III, 3,5), Plínio (III,28 e IV, 111) e Mela (III,10 e 13) tamén nos falaron dos celtas que vivian na Gallaecia; en concreto Mela refería-se aos celtas “Neri” e “Praestamarci”. O grego Herodoto pola sua banda narra a existéncia de “Keltici” no noroeste peninsuar, e semellantes afirmacións fai Pompónio Melo, que di que habia povoazóns de “celtici” na costa ocidental de Galiza.

Todas estas fontes históricas son corroboradas pola arqueoloxía, xa que na antiga Gallaecia desenvolveu-se a “cultura castrexa”. Esta cultura apresenta grandes afinidades cos castros prehistóricos de Irlanda e do ocidente europeo, sobre todo no que se refire á forma circular das casas dos castros.

Os arqueólogos desenterraron dentro dos castros galegos numerosos obxectos; algúns son xenuinamente galegos, pero moitos outros apresentan unha clara orixe celta, coma os trisqueis, os torques e as diademas adornadas con espirais e motivos célticos, os cascos e puñais estilo “LaTenè”, espadas hallstáticas do tipo de antenas, típicos debuxos zooformos célticos como os da diadema de Ribadeo, ou estátuas de guerreiros semellantes a outras atopadas en Centroeuropa. Tamén se acharon inscricións que fan referéncia ao carácter celta dos seus habitantes; así por exemplo nunha inscrición atopada perto de Lugo pode-se ler: “Apana, filla de Ambolo, Céltica supertamarica, do castro de ????obre“.

A arqueoloxía tamén nos permite coñecer as divindades que adoraban os antigos habitantes dos castros, claramente celtas, semellantes ás atopadas noutros lugares de Europa. Algunhas delas son:
  •   Lug: este é o deus céltico por exceléncia, segundo Manuel Murguía dese nome ven o da cidade de Lugo. O seu culto está testemuñado por diversas inscripcións atopadas preto da cidade lucense: Lugubus Arquienobus e Lucobus Arquienis.
  •   Brigáncia: Importante deusa celta da antiga Irlanda, que deu nome á antiga Coruña (Brigántia).
  •  Coventina: deidade que se pode atopar na Gália, na antiga Británia e en Curvenos e Santa Cruz de Loio (Lugo).
  •  Návia: cóida-se que o seu culto estaria relacionado coas augas, de aí o nome do río.
  • Bormanicus: Deus celta, do que está testemuñada a sua adoración no norte de Portugal.
  • Lahus Paraliomegus: Laha foi identificada como deusa acuática na Gália e tamén se atopa en Galiza.
  • Matrae: O culto ás “matrae” (nais protectoras) foi moi corrente no mundo celta.
  • Asemade outras deidades célticas ou indoeuropeas foron Bandua, Coso ou Reva, e o nome da antiga cidade de Nemetobriga (en Ourense) tomou o nome de Nemeton (bosque sagrado na língua céltica).

Como vemos, a sociedade que povoaba os castros era celta e estes povos eran coñecidos pola sua belicosidade, algo do que tamén temos constáncia por fontes arqueolóxicas e escritas. Isto explica que vivisen en cidadelas fortemente amuralladas con fosos e parapetos defensivos, que praticasen constantes exercizos de adestramento para o combate como nos lembra Estrabón e mesmo que fosen recrutados como mercenários de Aníbal como explica Silio Itálico.

O armamento atopado nos castros consta de escudos (Caetras), pontas de lanzas, espadas e accesórios. Dentro das suas crenzas chimpaban armas aos ríos, como as espadas que se teñen atopado no Miño e o Ulla (sacrifícios votivos).

A crenza de curtar a cabeza do inimigo estaba arraigada nos celtas e en Ourense atoparon-se representacións desta prática. Tamén coida-se que as confrarias de guerreiros praticaban ritos iniciáticos en saunas, o que se asócia frecuentemente á aparición de “pedras formosas”. A guerra para estes povos tiña carácter sagrado, o que explica que praticasen suicídios en masa se non podian atinxir a vitória (Monte Medúlio) ou que non lles importase morrer na batalla.

No referinte á sua língua, non temos testemuños escritos, pero todo nos indica que debeu ser unha língua céltica; ainda hoxe en dia existen no galego moitas palabras derivadas do antigo idioma goidélico. Estas palabras abundan no léxico rural polo que difícilmente teñen outra orixe que non sexa a dos primitivos habitantes dos castros.

Outros autores non limitan a certo léxico a influéncia do idioma celta no galego, senon que afirman que algúns riscos fonéticos ou algunha maneira de construir palabras teñen unha base claramente goidélica. Onde tamén se demostra que o idioma céltico se falou na idade do ferro galega é na toponímia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario