21 oct 2015

CARBALLIDO, CARBALLEIRA, CASA DA CARBALLEIRA, CARBALLAL, CARBALLÁS.




Os topónimos forman parte dun patrimonio cultural que esmorece, nós temos a obriga de conservalos e legalos ás xeracións vindeiras.
                               Vicente Feijoo Ares


Os sufixos -IDO, -EIRA, -AL e o seu plural -ÁS, remítennos a un lugar onde abunda unha determinada especie vexetal, neste caso o carballo.

O carballo común (Quercus robur ) é a especie máis enxebre de Galicia. Dáse en climas temperados húmidos como é o da nosa zona, e conforma bosques de folla caduca, mesturados polo xeral, con castiñeiros e outras árbores.

A repetición deste topónimo no concello de Curtis fálanos dunha época na que esta especie tiña máis presenza ca na actualidade. Aquí, coma en toda Galicia, as carballeiras diminuíron en número e extensión por varias causas: a utilización na fabricación de mobles, pipos e bocois, ou a súa conversión en leña. Pero no noso caso, o que máis contribuíu á tala masiva foi o seu emprego na fabricación de travesas para a vía férrea e a roturación das terras para pastizais. Con todo, a súa presencia segue sendo notoria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario