Inaugurada a estación de Curtis (1 de setembro 1883), o crecemento do
núcleo urbano é moi rápido ao ser moitas as persoas da comarca que ven na nova
poboación posibilidades de futuro. Fondas, almacéns, serradoiros... vanse
establecendo ao largo da estrada da nova localidade.

A partir deste momento, as feiras convértense, xunto coa estación, no motor
da economía local. Existe constancia de que nos días de feira se podían contar
máis de 60 autobuses estacionados ao largo da rúa principal procedentes de toda
Galicia. Bares e fondas están ao completo dende a véspera e a partir da
madrugada o tráfico de persoas e mercadorías é impresionante.
A carballeira está ateigada de xente, de gando e das máis variadas
mercadorías. As transaccións económicas son constantes e a vila vive un dos
períodos máis doces da súa historia. No recinto feiral ou na estrada tamén
teñen cabida o cantador de coplas co seu desafinado violín, a sorte do paxaro,
a menciñeira, os charlatáns, a adiviña, os pillos e os mutilados.
Chegado o anoitecer, o ritmo decae e comeza o paseo das mozas que
previamente mudaron de roupa para acudir ao baile nunha das salas da vila.
Abonda un só dato para dar idea do gran volume de compra- venda que se realizaba na feira de Curtis: máis de
70 vagóns saen cada 15 da estación cargados de becerros para os matadoiros de
Madrid e Barcelona ou con mulas e cabalos destinados a labrar os campos de
Castela.
ANDRÉS MARIÑO SANMARTIN,
HISTORIADOR LOCAL
No hay comentarios:
Publicar un comentario