Hai unhas semanas visitounos Xabier P. Docampo. O
encontro co autor, tal como recolliamos noutra entrada deste blog, espertou en
nós ganas de seguir conversando con el. Como non había tempo, Xabier accedeu
amablemente a contestar por escrito as nosas preguntas. Velaí:
O
pazo baleiro e A illa de
todas as illas foron as obras de lectura obrigada no segundo trimestre. É
partidario de que se poñan obras de lectura obrigada ou cre que se deben
propoñer lecturas voluntarias para que o alumnado elixa segundo os seus
intereses?
Creo que son cousas distintas. O profesorado ten como obriga a
formación do/a lector/a que habedes ser, tanto nos aspectos instrumentais da
lectura coma nos intrelectuais e literarios, para iso é preciso que haxa unha
selección de obras por parte duns lectores/as competentes que son os
profesores/as, e que haberán de acompañar, máis que guiar a vosa lectura. A
maiores está a decisión persoal de ler, onde a elección do libro ha o máis
libre posíbel, aínda que tamén aí lle cómpre unha función orientadora ao profesorado.
Ah, esquecíame, non sei de que vos sorprendedes nisto da
obrigatoriedade. No instituto, e antes no colexio, todo é obrigatorio,
empezando polo feito de asistir cada día.
Os
maiores insisten en que hai que ler e que hai que ler. Realmente é tan
importante?
O que é e o que non é
importante na vida non se sabe até o final, e daquela xa de pouco vale. Ler non
nos fai máis bos/boas, que sería algo importante, pero si que poida que nos
faga máis sabios, que nos axude a coñecer mellor o mundo e a nós mesmos/as...
non me parece asunto pouco importante. Por outro lado na pregunta anterior parecía
haber unha certa rebeldía contra as imposicións, pois ben, ler é un camiño
libre, democrático e persoal de intervir na propia formación. Dito doutro
xeito, é unha forma de rebeldía. Nunca esquezades que as persoas lectoras
sempre acaban por seren olladas con certa desconfianza pola parte da sociedade
máis conservadora e inmobilista.
Lese
tan pouco como din as estatísticas?
Nunca tanto se leu ao
longo da historia como se le agora mesmo. Que fosen máis as persoas que len
sería un bo desexo e unha boa meta. Que todo o mundo lea algo, tamén é un bo
obxectivo. Que todo o mundo lea moitísimo sería un desastre ecolóxico:
deforestariamos o planeta en poucos meses.
Que
oficio lle gusta máis o de mestre ou o de escritor?
Non son excluíntes, e
a miña vida así o demostrou. Fun feliz como mestre, tratei de facer o meu
traballo o mellor que sabía e gocei facéndoo. Escribo e seguirei a escribir,
porque non concibo a miña vida sen escribir. É canto vos podo dicir sobre
disto.
Como
mestre prefería impartir clase nun centro rural ou nun centro urbano?
Fíxeno en ambos
medios e sentinme sempre a gusto. Nacín no medio rural e a el regreso con
frecuencia, pero vivo no medio urbano sen contradición ningunha. Non vos sei
dicer máis.
O
tempo que lle dá a xubilación facilita a escrita?
O tempo que me dá a
xubilación facilitoume escribir de día (aínda que estou contestando estas
preguntas vosas ben pasadas as doce da noite), pero non escribo máis do que
escribía... mesmo penso que menos, pero leo máis que antes.
O
público escolar é decisivo á hora de elixir os temas das súas obras?
Non, en absoluto.
Fuxo de escribir novelas escolares. Eu quero escribir para todos, pero tamén
quero que os/as lectores/as máis novos lean os meus libros con gusto.
Preocúpalle
o futuro da educación pública?
Moito. Moitísimo. Sen
educación pública non hai liberdade. A educación privada sempre responde a
intereses e obxectivos que acaban por facer meirandes as desigualdades entre os
seres humanos e iso a min paréceme unha desgraza moi grande.
E
o da lingua?
A lingua galega vai
ser o que vós queirades que sexa. Non olledes máis para min cando preguntedes
sobre do futuro da lingua galega, mirade para vós porque a lingua e o futuro
son vosos. Vós veredes se queredes vivir en ausencia da lingua que vos dá un
lugar no mundo, un puntiño na esfera terrestre. De momento sodes galegas e galegos, pero que
seredes se perdedes a lingua galega? Que será Galicia sen a súa lingua? Vóuvolo
dicir: unha provincia, que era como os romanos denominaban os territorios
vencidos (reparade na etimoloxía da palabra pro-vincia). Se lle preguntades a
Castelao diravos “se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”.
Os
últimos datos falan dunha baixada moi importante no uso da lingua por parte dos
máis novos. Percibía esa realidade cando estaba en contacto co seu alumnado?
Nunca
o percibín tanto coma nos últimos anos. Dun tempo a esta parte houbo un grave
retroceso na defensa, promoción e uso do galego por aqueles a quen estaban
encomendadas esas tarefas e iso deu nun retroceso de falantes novos, de xeito
especial no medio urbano. Coido que con vontade a situación é reversíbel, mais
con boa vontade, non coa mala que se ve que hai.
Que
medidas propoñería para mellorar a situación?
Moi
simple o cumprimento das leis. A Lei de Normalización Lingüística e a posta en
funcionamento do contido do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Esas
son as primeiras medidas que debería adoptar un goberno que pretenda mellorar a
situación do galego.
A
todos os escritores que visitan o noso centro preguntámoslle por que escriben
en galego. Por que escribe en galego Xabier P. Docampo?
Porque
son galego. Non preciso nin teño outra razón para escribir na lingua propia de
Galicia.
Marcos
Calveiro e Francisco Castro dicíannos hai pouco que a literatura galega estaba
pasando un bo momento. Comparte esta opinión?
Comparto.
Non hai ano no que non haxa un mollo de moi boas obras literarias novas e iso é
un sinal do bo momento da nosa literatura.
E
xa para rematar, que consello lle daría a un rapaz da nosa idade ao que lle
guste escribir?
Non
son moito de dar consellos, pero neste caso teño claro o que hai que facer:
ler. Ler moito, porque a escribir apréndese lendo... e despois escribir sen
importarche nada do que digan os demais, nin o bon nin o malo. Os galegos e
galegas que escribimos só lle temos que dar conta do noso labor á mestría de
Cunqueiro.
Grazas, Xabier, por contestar á nosa entrevista e por regalarnos novamente o teu tempo. Agardamos poder seguir conversando contigo no IES de Curtis e desexamos que sigas fornecendo a literatura universal de libros escritos na nosa lingua.
No hay comentarios:
Publicar un comentario