21 jun 2015

Así nos chamabamos @s galeg@s hai un século e así nos chamamos

Cambiaron, e non poucos, os nomes máis frecuentes d@s galeg@s ao longo destas nove décadas. Unha ferramenta do IGE permite coñecer a evolución das denominacións máis comúns da poboación segundo década de nacemento e comarca.

Nas décadas previas a 1930, os cinco nomes máis comúns nos galegos eran José, Manuel, Antonio, Jesús e Francisco. Clásicos onde os haxa. Igual que os cinco nomes máis frecuentes para as galegas nadas nese mesmo período: María, Carmen, Josefa, Dolores e Manuela. Raro será o que non teña avó ou avoa con algunha desas denominacións. Na web do Instituto Galego de Estatística (IGE) ofrecen un servizo para consultar os nomes máis comúns na poboación galega por décadas, permitindo unha procura onomástica que, ademais de a nivel nacional, tamén se pode facer por comarcas.

E no que levamos da década actual? Hugo, Mateo, Pablo, Martín e Daniel conforman o podio de 5 nomes máis frecuentes para lles poñer aos nados nestes anos. Brais (13º), Iago (14º), Anxo (18º), Antón (22º) e Xoel (25ª) están entre as 30 formas máis utilizadas para chamar os nenos. Nelas, gaña Sara, seguida de Noa, Lucía, Daniela e Carla. As formas ‘propias’ tamén teñen a súa presenza entre os 20 nomes máis populares nestes anos: Antía (12), Uxía (13), Iria (15) e Sabela (16).
Nestes anos nomes como Hugo, Pablo, Noa ou Sara tamén estiveron entre os preferidos no Estado español. Non así en Euskal Herria e Catalunya, onde a aposta na onomástica de seu é absoluta. Entre @s vascos os nomes máis frecuentes nestes anos para neno son Markel, Jon, Unai e Oier. Para nenas optan por Ane, June, Irati, Uxue ou Nahia. Os habitantes de Catalunya, no que vai desta década, escolleron nomes como Marc, Pol, Álex u Eric (para neno) e Martina, Júlia, Laia ou Paula (para nena).

No hay comentarios:

Publicar un comentario