19 may 2015

Forte, novo disco de ITH


ITH vén de quitar novo disco, Forte, xa á venda dende hai dúas semanas e Rosalía Rico, de 2º ESO A, aproveita para falarnos da banda. 

 

ITH é un grupo de rock de Mesía – Xanceda e arredores que leva tocando música en galego dende hai máis de trece anos. O seu propio nome recorda a Galicia xa que provén da lenda dun dos fillos de Breogán, Ith, que tentou conquistar Irlanda. Nos seus inicios contaban coa formación de Miguel e Pablo que tocaban a guitarra, Toxo o baixo e Folgueira a batería. No ano 2009 uníronse ó grupo dúas rapazas (Thais (voz) e Rita (teclado e coros) pero actualmente fórmano Folgueira, Toxo, Miguel, Gonzalo e Lucía.
Teñen cancións de rock e heavy pero tamén outras que se achegan máis ao pop, todas e cada unha delas de composición propia e en galego. Hai máis dunha canción que me gusta, pero sen dúbida, a que máis é “As leis dos raposos”.
Nestes anos de traballo e esforzo xa contan con tres maquetas no seu historial, cun disco gravado en directo, cun CD en acústico e cun DVD en vivo. Ademais, nas súas numerosas actuacións tiveron a sorte de compartir cartel con grandes bandas do panorama galego, como son Los Suaves ou Celtas Cortos, dous grupos de rock moi coñecidos.
Algunhas das actuacións máis destacadas foron no Festival Teixeiro Rock (xullo 2009), compartindo cartel con Los Suaves e O Sonoro Maxín, tamén na Festa da Troita de Sobrado dos Monxes (agosto 2009), xunto con Celtas Cortos, ou nunha nova edición do Festival Teixeiro Rock (xullo 2011) con A Palo Seko e Segismundo Toxicómano. Tamén na Concentración Moteira de Curtis, onde actuaron xunto ao grupo Riff Raff de Ferrol co cal coincidiron tamén no I Festival de la Luz en Boimorto (setembro 2012).
A música de ITH está baseada noutros grupos de rock, pop e heavy. Cada integrante do grupo achega as súas ideas para que as súas cancións teñan un moi bo resultado, e ata agora, con éxito.
No ano 2011 no concello de Ames realizouse un concurso de música en galego, Millarock, ó que se presentaron dez bandas, e entre elas ITH. O concurso trataba de que cada banda tocase e cantase dúas cancións en galego, e como non, ITH resultou ser o grupo gañador.
Actualmente seguen traballando en novos temas e ensaiando nun “estudio” restaurado por eles en Curtis. Desgraciadamente, por culpa da crise non teñen moitas actuacións pero seguen traballando día a día para medrar e mellorar. "Cada día nacemos un pouquiño máis e intentaremos ir mellorando a cada paso" afirmaban así nunha entrevista.

Longa vida, ITH.




2 comentarios:

  1. Acabo de ver isto. Que ben que dende a educación secundaria se faga un guiño ao rock en galego! Moitas grazas!!!

    ResponderEliminar
  2. Mil grazas a vós, por facer música de calidade na nosa lingua. Seguiremos tentando crear afección e canteira!

    ResponderEliminar