24 may 2015

A RTVG elimina Planeta Furancho

Carta coa que Vituco Neira se despide da súa audiencia en Facebook

PLANETA FURANCHO
Querid@s furancheiros e furancheiras, todo ten un principio e todo ten un final e a última emisión do Planeta Furancho vai ser o venres 29 deste mes das letras. Dende a Radio Galega comunicáronos que dende ese día prescinden do noso traballo.

Foron 1400 noites compartindo con vós a mellor música do mundo e perdemos a conta da xente que se pasou polo programa a falarnos dos seus proxectos, das súas músicas e das súas cousas. Das veces que tivemos música en directo nos nosos estudios. Dos programas especiais que fixemos dende colexios, institutos, festivais, salas de concertos e demais sitios ós que acudimos coa nosa unidade de exteriores.

Tentamos con todo o noso corazón tratar co máximo respecto a todos @s músico@s deste país ben fosen propostas consolidadas no panorama ou grupos que estaban comenzando a súa andaina pola escena e sempre dentro da nosa idea de dar difusión ás músicas que empregan o galego no seu proxecto. A razón da existencia do furancho foi dar difusión e servir de altofalante da escena da música cantada en galego.

Vivimos momentos ben fermosos ó longo destes anos e tivemos a sorte de traballar cun equipo técnico e humano de auténtico luxo. Técnic@s, técnic@s de exteriores, coordinadores, colaborador@s e compañeir@s da radio que sempre nos apoiaron e viviron intensamente con nós esta ilusión que se viraba realidade cada noite cando comezaba a soar a “festa criminal” dos Galegoz, a mellor sintonía posible para esta aventura radiofónica.

Non somos nós moito de réquiems nin de ir a enterros así que imos rematando esta nota desexándovos moita alegría, moita vida e moita música.

O noso agradecemento máis sentido a tod@s @s músic@s que nos encheron de argumentos cada noite coa súa música, a súa palabra e o seu traballo. O mérito foi todo deles.

E por suposto grazas a tod@s @s que estivestes aí do outro lado do aparato de radio facéndolle tanto caso ás nosas músicas e ós nosos músicos e compartindo con nós toda esa enerxía positiva que tanto nos alimentou entrando de volta polas antenas do noso falcón milenario particular cada noite do ano.

Non sabemos se algún día voltaremos a estar en órbita pero confiamos en que nos botedes un pouco de menos e en que continuedes sintonizando co traballo excepcional e fascinante que están, e sempre estarán, a facer @s músic@s desta terra.

Orgullo de país.

Saúde e ata a próxima.

V. Neira

No hay comentarios:

Publicar un comentario