30 abr 2015

Jesús Cabo e Cristian Morandeira entrevistan a Francisco Castro

Francisco Castro visitou o noso centro na segunda avaliación e falounos de Chamádeme Simbad
A sesión resultara curta e foran moitas as preguntas que quedaran sen responder. Así que decidimos poñernos novamente en contacto co autor para prolongar virtualmente un encontro que nos deixou con ganas de máis.

Compartimos con vós as súas opininóns:

- Como comezaches a escribir?  Que te levou a facelo
Levo escribindo toda a vida. Dende que era un cativiño. En Primaria, que daquela se chamaba EXB, pedía permiso á profesora para en troques de facer Traballos Manuais (tiñamos unha asignatura con ese nome absurdo) me deixase escribir poemas. Fíxenlle un lote deles a María José, a rapaza que me gustaba. Mágoa non conservalos…
-Tes algún referente no mundo da escritura? 
Teño un lote deles. Borges, Celso Emilio, Neruda, Verne…
- Comezas escribindo literatura para adultos e nun momento dado creas literatura infantil e xuvenil. Por que e en que xénero literario te sentes máis cómodo?
Eu creo que fixen tal porque me convertín en pai. O día en que tes un neno ou unha nena sintes como máis necesidade de enchufarte ao seu universo. Eu fíxeno dende os libros. En cal me sinto máis cómodo? En calquera deles. Por iso vou publicando libros para adultos e para crianzas ou adolescentes con total liberdade. Non é algo que me plantee.
- As ideas xorden de maneira espontánea ou a escrita hai que planificala e traballala moito?
Ambas as cousas son certas. As ideas aparécenseme de súpeto, sen eu estar pensando en nada en concreto. Mais sen moito, moitísimo traballo, non sae o libro. Ter boas ideas e non meterlle horas para traballalas é como  non ter nada.
-  De pequeno lías en galego ou en castelan? E agora? 
De pequeno lía no que había, ou sexa, en castelán. Agora leo en galego e en castelán, por sorte.
- Cal foi o ultimo libro que liches?
‘El padre infiel’ de Antonio Scurati.
-  Chamádeme Simbad foi incluído na Lista de Honra do IBBY. Poderíanos explicar en que consiste este recoñecemento e como te sentiches ao recibilo?
A lista de honra de IBBY recoñece os 50 mellores libros do mundo, de literatura Infantil e Xuvenil, publicados nun ano. IBBY é un organismo internacional que é, dalgunha maneira, a institución máis importante no que se refier a ese tipo de literatura do mundo. Como podedes imaxinar, o que sentin foi unha enorme alegría.
- En Chamádeme Simbad hai unha complicidade e unha admiración moi grande dun irmán polo outro.  Tes ou tiveches  un sentimento así por alguén da túa familia?
Si, claro, moitas veces.
 - Nesta mesma obra tamén vemos que tratan ao avó con pouco cariño. Preocúpate o trato que lle damos aos nosos maiores?
Si. En xeral tendemos a pensar que son obxectos, e non persoas. Xa que logo, non pasa nada se os aparcamos en calquera parte.
- Pensas  que agarrarse aos recordos para sentirse novo é bo?
Pois eu diría que todo o contrario. Tampouco teño claro que sexa necesario “sentirse novo”. Eu creo que un ten que sentirse da idade que ten. Iso non impide gozar moito da vida. Os recordos están ben, pero sempre é mellor tirar para adiante e buscar experiencias novas.
- A todos os escritores que visitan o centro preguntámoslle por que escriben en galego. Por que escribe en galego Francisco Castro? Non tes medo que iso che peche portas e che impida chegar a máis lectores?
Por que escribo en galego? E logo en que idioma había escribir?
Medo a que me peche portas? Por que había de pecharmas? Teño obra traducida ao castelán, ao catalán, ao italiano, ao portugués do Brasil…..
-  E xa para rematar, que consello lle darías a un rapaz da nosa idade ao que lle guste escribir?
Que lea moitísimo. 
Grazas polo teu tempo, Francisco, e que sigas dándolle moitos premios á Literatura Galega. 


Jesús Cabo Ansede e Cristian Morandeira Gómez, 2º ESO

No hay comentarios:

Publicar un comentario