20 ene 2015

Visitounos Francisco Castro

O día 12 de xaneiro tivemos connosco ao escritor Francisco Castro, autor de Chamádeme Simbad. Ao responder as nosas preguntas realizou unha explicación moi clara e precisa na que se notaba que foi mestre. 
Explicounos que Chamádeme Simbad ten moitos elementos autobiográficos, xa que comezou a escribir esta obra cando a súa nai lle diagnosticaron alzheimer. Esta novela fíxoa coa finalidade de explicarlle a enfermidade ao seu fillo que naquel momento era pequeno. 
Unha cousa moi interesante que nos dixo foi que o que máis lle custa é escribir as 20 primeiras páxinas. El afirma que ten sorte de poder dedicarse  ao que máis lle gusta que é ler e escribir. Neste momento ten unha obra entre mans. 
Outra cousa que nos contou foi que nunha entrevista para un xornal lle preguntaron por que escribía en galego e el respondeu: cando era pequeno levei un golpe na cabeza e quedei parvo. Logo díxonos que el escribía en galego porque é natural. Se un francés escribe en francés, un italiano en italiano e un inglés en inglés por que non ía el sendo galego escribir na súa lingua?

Falounos moito das profesións de médico e profesor, que segundo pensa non reciben o recoñecemento social que merecen. Tamén nos explicou que co 10% dos cartos que se empregan para fichar a Ronaldo poderíanse comprar todos os medicamentos necesarios para curar a enfermidade da hepatite C.  
El non ten soamente un traballo, senón  que é tamén o presidente de GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil).Como toda persoa ten afeccións; a súa é tocar a guitarra e faino nun grupo que formou no instituto. O seu grupo musical favorito son os Beatles. 
A sesión quedounos moi curta e non puidemos formularlle todas as preguntas que quixeramos. Moitas grazas, Francisco e ata sempre. 

Ángela Prado Penas e Laura Astray Sánchez, 1º ESO

No hay comentarios:

Publicar un comentario