Este ano electoral de 2015 debe ser o da decisión colectiva de mudar un
rumbo catastrófico para o noso idioma, medio de comunicación habitual
dunha boa parte do país e fundamento da cultura galega contemporánea. ProLingua
avaliou con suma preocupación, sabemos que compartida por milleiros de
persoas, sexa cal sexa a súa adscrición partidaria, as últimas cifras
sobre o uso da lingua.
Por iso pensamos que a nosa responsabilidade cívica, como plataforma
plural e non dependente de organización ningunha, é realizarmos un
chamamento ás forzas políticas galegas, tanto as que contan con presenza
institucional coma as que aspiran a acadala nos próximos comicios, para
poñer fin a unha etapa nefasta, sen dúbida a peor na Historia recente
do idioma.
Non é este momento nin lugar para un relato polo miúdo do que se leva
destruído en tan pouco tempo. Calquera persoa, calquera familia que
intente desenvolver a súa vida en galego pode achegar detalles. Os
resultados desa suma de agresións sociais, pedagóxicas, culturais etc.
son públicos e causan escándalo polo que expresan en si e polo cinismo
con que boa parte das administracións, especialmente a autonómica, ollan
para outro lado. Mentres afogan a lingua e a cultura cunha man visten a
outra con luva branca, presiden cerimonias e invocan quen sabe que tipo
perverso de galeguidade.
É a hora de recuperar o consenso na dobre dirección de fortalecer os
dereitos das persoas galegofalantes e garantir o dereito das
castelanfalantes a aprenderen e valoraren o idioma propio de Galicia. Só
así se pode escoller en liberdade, só ese consenso (reflectido no
Estatuto de Autonomía, que se saiba, aínda en vigor) responde ao que
sente a maioría social: a nosa maior creación como pobo, o esteo básico
sobre o que se asenta a cultura e identidade galegas debe ter futuro. Un
futuro que está nas nosas mans, nas das persoas que falan galego
habitualmente e nas das que o fan en castelán, pero que comparten un
obxectivo común: nin queren nin están dispostas a permitir que o idioma
galego siga nun devalo que nos borraría do mundo como pobo diferenciado.
ProLingua chama por un acordo global das forzas
políticas, pero xa non hai tempo para declaracións baleiras. A mellor
forma de basear firmemente unha futura converxencia acerca do destino da
lingua é situala nos programas ao nivel que a súa importancia merece;
un nivel que asegure a súa transmisión e continuidade, que fomente as
actitudes positivas e garanta o seu uso real en calquera situación.
Abonda de decorado folclórico e de rituais grandilocuentes: cómpre
concreción, asunción de compromisos ante a cidadanía e mecanismos para
que o recollido no programa vaia máis alá do ámbito do virtual. Se a
galeguidade é un valor, tentar apropiarse dela para beneficiarse dos
votos constitúe unha fraude contra o patrimonio común, fágao quen o
faga.
ProLingua solicítalles daquela ás direccións e ás
militancias do conxunto dos partidos -por suposto na Comunidade autónoma
galega, mais tamén naquelas limítrofes onde os dereitos lingüísticos
practicamente non existen- que debatan e expliquen con claridade cal é a
súa proposta para un consenso nacional sobre o idioma e cales as
medidas que urxe tomar.
Quizais non sexa dabondo para lle asegurar un futuro de vida á lingua
propia de Galicia, mais o que parece claro é que sen el non haberá
futuro ningún.
Poñan mans á obra, por favor.
ProLingua, 10 de xaneiro do 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario