Un
grande empresario dicíame non hai moito tempo: “Aos científicos
valorarannos aquí cando algún se faga moi rico cos seus achados”.
A
min non me parece que os galegos valoren pouco a ciencia e os seus
científicos. Ao contrario, penso que estamos entre as profesións
mellor consideradas. Temos a gran sorte de que a xente da nosa terra
valora o traballo e a dedicación aos demais por riba de todo.
Tampouco
creo que ningún científico teña entre os seus obxectivos facerse
rico. O seu tesouro é o coñecemento e a súa ilusión buscar o
porqué das cousas. A súa gran ledicia prodúcese cando fan un
descubrimento que lles dá respostas ás preguntas que se fixeron e
que ninguén fora quen de albiscar.
Gustaríalles
traballar na súa terra, pero para iso precisan medios para
investigar e un salario que lles permita vivir. Non lles importa que
non sexa moito o que gañen, pero si que o proxecto, o grupo onde
traballan e o ambiente sexa estimulante.
E
temos que procurar entre todos que estas condicións se dean aquí. O
noso número de investigadores é aínda moi baixo e as condicións
nas que se desenvolve o seu traballo distan moito de ser comparables
coas dos países máis desenvolvidos.
E
é preciso cambiar esta situación. A investigación é o motor do
desenvolvemento e da riqueza dos pobos, e temos que procurar reter o
noso talento e mesmo captar novo talento do exterior.
Tamén
temos, os propios científicos, que integrarnos máis na sociedade,
na nosa cultura, no noso sistema produtivo, e sobre todo contar o que
estamos facendo.
Cos
anos cada vez concédolle máis importancia a divulgar a ciencia.
Facela é importante, pero tanto ou máis é contar que sabemos e
tantos e tantos misterios e problemas que aínda non conseguimos
chegar a entender. Saber isto é a única maneira de que a xente
valore o que os científicos fan, pero sobre todo é a única maneira
de comprender o mundo que nos rodea e poder xulgar criticamente o que
nos din, o que é igual que ser máis libres.
E
para chegar á xente da nosa terra hai que facelo no nosa lingua.
“Sentímolo noso”, escribía
unha mestra dun dos institutos (o meu favorito) onde cada vez que
podo voulles contar o que facemos aos alumnos.
Entusiasmo e proximidade son a clave da divulgación científica, e
que te sintan como eles, do seu mundo, coa nosa fala, é a garantía
para que a ciencia se aprecie aínda máis e moitos dos nosos rapaces
queiran dedicarse a ela.
Texto
do científico Ángel Carracedo con motivo da celebración do Mes da
Ciencia
No hay comentarios:
Publicar un comentario