31 oct 2014

O Samaín e a Santa Compaña



A estas alturas da película xa non fica (ou non debería ficar) nin ún só galego que coide que o “Halloween” é unha festa estranxeira, sen relazón algunha cos nosos costumes galegos máis tradicionais. Enténda-se, claro, por tradicional, non aquilo que foi imposto pola igrexa cristiá na nosa terra, senón polos máis antigos ritos ancestrais dos nosos devanceiros, os celtas.

Segundo as nosas vellas tradicións, as almas viñan á terra no “día de defuntos” con moi diversos fins. Por iso nuns lugares púñan-lles de comer, para que non pasasen fame; noutros botaban ese día un gran pao ao lume, para que quencesen no caso de teren frío; noutros era considerado pecado varrer pola noite a cociña porque se lles botaba para atrás, impedíndo-lles que se acheguen á lareira; e noutros ten-se por acción inhumana pechar de golpe as cancelas ou portelos, porque se mancaban. 

Se se busca nos libros de etnoloxía polas celebracións que se fan en Galiza con ocasión do “día de defuntos” atoparemos unha serie de costumes ancestrais própias da nosa nación. Desde o deixar un óco na mesa ou racións de comida e/ou bebida para os defuntos até facer colares coas castañas novas. A pouco que se pregunte a persoas de máis de corenta anos de diferentes puntos da nosa xeografía (Noia, Catoira, Cedeira, Muxía, Sanxenxo, Quiroga…) lembrarán-nos que tamén era habitual polo día de Defuntos coller cabazas, tallar-lles unhas caras feroces, poñer-lles uns pauciños coma dentes e deixa-las nos camiños para arrepiar aos viandantes. Todo isto con ocasión da festa dos Defuntos, o dous de novembro. Este costume coincide co americano de Halloween e aínda co máis antigo celta do Samaín, no que eran os cránios dos inimigos os que brillaban na escuridade con candeas no seu interior. 

En Galiza mesmo chéga-se a ver como a cabaza tallada séca-se e consérva-se para emprega-la como máscara no Entroido. A antiga festividade celta do Samaín foi descrita habitualmente como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, nesta data, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abrían-se as portas entre este mundo e o Alén, dándo-lle á xente a posibilidade de se reuniren cos seus antepasados mortos. 

A festa do Samaín, a máis importante do período precristián, marcaba para os celtas o comezo dun novo ano. Nesa data prendían-se lumes sagrados frotando pólas de serbal e teixo, e con esta fogueira inicial alimentában-se as lareiras de todas as casas.

Le o artigo completo en Nova Fantasía. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario