21 jun 2014

A Academia urxe a Xunta de Galicia a avaliar a situación do galego no ensino















Segundo o artigo 1 dos seus estatutos, "a Real Academia Galega é unha institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego".
Apelando a esta finalidade de defensa e promoción do galego, e ante os diversos sinais que apuntan a un progresivo deterioro da situación do idioma propio do país no sistema educativo, a Comisión Executiva da Real Academia Galega, na súa xuntanza de 18 de xuño de 2014, acorda dirixirse en nome da institución á opinión pública para chamar a atención do conxunto da sociedade e, especialmente, apelar á responsabilidade do goberno galego en relación con este importantísimo problema, en que se xoga en boa medida o futuro do galego. En concreto, a Real Academia Galega urxe o goberno galego para que, cumprindo as previsións legais, en primeiro lugar, proceda a avaliar a evolución da situación do galego no ensino e os efectos desta nas competencias do estudantado nos niveis non universitarios (dun xeito especial, na educación infantil e primaria); e en segundo lugar, tome as medidas oportunas para asegurar que se cumpren os obxectivos marcados na Lei de Normalización Lingüística no referente ao sistema educativo como axencia de normalización da lingua galega, non de desgaleguización.

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia actualmente en vigor, na súa disposición adicional quinta, "Avaliación dos resultados", estipula o seguinte:

"Con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar, a consellería competente en materia de educación avaliará os resultados derivados da aplicación deste decreto e desenvolverá cantas disposicións fosen precisas para o mellor cumprimento e adaptación dos seus obxectivos co fin de que poida achegarse gradualmente ao marco dun ensino plurilingüe e á plena aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias."
Esta previsión é solidaria coa recollida no apartado 5 do artigo 14 do mesmo Decreto, que se expresa nos seguintes termos:

"a Administración educativa avaliará os proxectos lingüísticos dos centros e fará o seguimento dos resultados que se desprendan da súa aplicación coa finalidade de adoptar, se é o caso, as medidas necesarias para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia, como establece o artigo 14.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística."

Catro anos e outros tantos cursos académicos despois da entrada en vigor do dito decreto, a Xunta de Galicia continúa sen realizar as devanditas avaliacións, sen facer públicos os seus resultados e sen tomar medidas que puidesen rectificar unha deriva en aparencia claramente desfavorable ao galego no sistema educativo, e por tanto, nas competencias e uso da lingua por parte do estudantado. A Real Academia Galega considera que o goberno galego non debe demorar por máis tempo o cumprimento das ditas previsións legais e en consecuencia úrxeo para que realice de xeito inmediato a devandita avaliación, comunique os seus resultados á opinión pública e, no seu caso, poña en marcha as medidas tendentes a asegurar que o sistema educativo xogue o papel que ten legalmente atribuído na recuperación e normalización do idioma galego.

                                                                A Coruña, 18 de xuño de 2014


No hay comentarios:

Publicar un comentario