24 feb 2012

24 de febreiro: Día de Rosalía

   O 24 de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela a nosa escritora máis universal: Rosalía de Castro. A súa obra permanece viva 175 anos despois. Así,  Roi Casal musicou no seu primeiro disco en solitario, Lendas douradas (2008), este poema rosaliano:
  



— Meniña, ti a máis fermosa
que a luz do sol alumbrara;
ti a estrela da mañanciña
que en puras tintas se baña;
ti a frol das froridas cumbres,
ti a ninfa das frescas augas,
ti como folla do lirio
branca, pura e contristada
¿Quen eres, fada sin nome
de tan dormentes miradas,
de tan dorida sonrisa
de feituriña tan cándida?
¿Quisais de muller naceches
sendo tan limpia e tan casta?
¿Quisais das brisas da tarde,
quisais das brétemas vagas
das burbulliñas dun río,
quisais dunha nube branca?
¿Ou as espumas do mare
a un raio de sol xuntadas
pousáronte ó ser de aurora
nunha cunchiña de nacra?
Mais, de onde queira que sexas,
tristísima pasionaria,
por ti sinto un amor puro
que pouco a pouco me mata.
Por ti, de noite e de día,
cal vaga sombra encantada,
preto do teu vivir ximo,
ximo cos ventos que pasan
facendo vibrar sonoras
sentidas cordas dun harpa,
que con ecos tembradores
dos meus amores che falan.
Mais dime: ¿por que estás muda,
di por que estás solitaria,
di por que vives nos montes
cos paxariños que cantan,
mentras ti choras e choras
ó pé dun olmo sentada,
toda de loito cuberta,
toda cuberta de lágrimas.


   Joan Báez tamén recreou parte do poema "Adiós ríos, adiós fontes" de Rosalía. Reproducimos aquí o texto do poema completo.



Adios ríos, adios fontes,
adios, regatos pequenos;
adios, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.



   Miña terra, miña terra,

terra donde me eu criei,

hortiña que quero tanto,

figueiriñas que prantei,



   prados, ríos, arboredas,

pinares que move o vento,

paxariños piadores,

casiña do meu contento,



   muíño dos castañares,

noites craras de luar,

campaniñas trimbadoras

da igrexiña do lugar,



   amoriñas das silveiras

que eu lle daba ó meu amor,

camiñiños antre o millo,

¡adios, para sempre adios!



   ¡Adios groria! ¡Adios contento!

¡Deixo a casa onde nacín,

deixo a aldea que conozo

por un mundo que non vin!



   Deixo amigos por estraños,

deixo a veiga polo mar,

deixo, en fin, canto ben quero...

¡Quen pudera non deixar!...



   Mais son probe e, ¡mal pecado!,

a miña terra n'é miña,

que hastra lle dan de prestado

a beira por que camiña

ó que naceu desdichado.



   Téñovos, pois, que deixar,

hortiña que tanto amei,

fogueiriña do meu lar,

arboriños que prantei,

fontiña do cabañar.



   Adios, adios, que me vou,

herbiñas do camposanto,

donde meu pai se enterrou,

herbiñas que biquei tanto,

terriña que nos criou.



   Adios Virxe da Asunción,

branca como un serafín;

lévovos no corazón:

Pedídelle a Dios por min,

miña Virxe da Asunción.



   Xa se oien lonxe, moi lonxe,

as campanas do Pomar;

para min, ¡ai!, coitadiño,

nunca máis han de tocar.



   Xa se oien lonxe, máis lonxe

Cada balada é un dolor;

voume soio, sin arrimo...

Miña terra, ¡adios!, ¡adios!



   ¡Adios tamén, queridiña!...

¡Adios por sempre quizais!...

Dígoche este adios chorando

desde a beiriña do mar.

Non me olvides, queridiña,

si morro de soidás...

tantas légoas mar adentro...

¡Miña casiña!,¡meu lar!

   Os versos da autora de  Cantares Gallegos tamén foron interpretados en clave de jazz no  traballo que presentaron o pianista Abe Rádabe, a vocalista e gaiteira Guadi Galego e o poeta e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, Anxo Angueira. Rosalía 21 é o nome deste traballo musical.


   
    
   Deixamos finalmente AQUÍ unha escolma literaria da autora para que se lean e relean os seus versos. Para enchoupármonos de beleza.


No hay comentarios:

Publicar un comentario